Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
A estudante de Xornalismo Marta Otero.

Un traballo sobre tecnoloxía para coidadores recibe o Premio de Comunicación Científica da RAGC

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/06/19 (08:50)

Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de dar a coñecer o nome da persoa galardoada este ano (sexta edición) co Premio de Comunicación Científica Contar A Ciencia – La Caixa. Trátase de Marta Otero Mayán, estudante de cuarto de Xornalismo na USC. A reportaxe coa que se proclamou vencedora, Unha app para coidar de quen coida, é un percorrido polo traballo social e de atención do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC, responsable dunha tecnoloxía que axuda a previr a depresión en coidadores de persoas dependentes. 

En opinión de xurado, o artigo gañador fai gala dun salientable enfoque humano para abordar, ao detalle, o devandito traballo do grupo da USC. O xurado, composto por representantes da Real Academia Galega de Ciencias, Obra Social la Caixa, Colexio de Xornalistas de Galicia, CSIC, Consellería de Educación e GCiencia, tamén escolleu como finalistas ás reportaxes Scuba Cancers, de Andrea Varela e Miriam Álvarez, e Como gañar o que che quita o Parkinson, de Alba Tomé.

A gañadora do Premio Contar a Ciencia-la Caixa recibirá un premio en metálico de 500 euros e un smartphone IoxPhone P1, cortesía do fabricante galego Primux Tech, empresa colaboradora do concurso. A mesma compañía entregará cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 aos dous finalistas. Do mesmo xeito, todos os estudantes que viron seleccionados os seus traballos para a súa publicación en GCiencia recibirán un diploma acreditativo da súa participación.

A VI edición do concurso foi convocada pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinada por Obra Social la Caixa. Contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux e foi organizada polo portal web GCiencia. Participaron dez traballos de estudantes de comunicación das facultades galegas. As reportaxes abordaron, en formato escrito e audiovisual, proxectos de investigación que se desenvolven en Galicia. Todas as finalistas recibirán o seu galardón nun acto que terá lugar o 8 de xullo no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. Ao acto asistirán representantes do mundo académico, social, empresarial e político de Galicia.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal