Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes en "El Camino de los Satélites".

O CPEIG concede o Premio e-Inclusión a El Camino de los Satélites

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 18/06/19 (08:33)

O importante traballo do proxecto El Camino de los Satélites en materia de accesibilidade, integración e universalidade das novas tecnoloxías recibirá este ano o Premio e-Inclusión que concede o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que se entrega (xunto con outros nove galardóns) nun escenario igualmente salientable: o da Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco). 

O proxecto distinguido, como lembraremos, é un conxunto de actividades destinadas a mostrar “como as tecnoloxías socialmente responsable poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo mundo”. Ademais, busca promover a participación construtiva a pé de ruta do xacobeo, utilizando o itinerario “como pista de proba para estas tecnoloxías”. El Camino de los Satélites é unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (FUNTESO), que se realiza por primeira vez en 2010 percorrendo o Camiño Francés a pé con Miguel Induráin, Serafín Zubiri e outras 40 persoas que probaron o estado de moitas tecnoloxías nesta época como os GPS, roupa intelixente, etiquetas visuais ou enerxías renovables. 

Segundo lembra o CPEIG, este proxecto pretende fomentar un uso responsable da tecnoloxía, non crear necesidades ao peregrino senón dar apoio a aquel que por un motivo ou outro atopa barreiras á hora de facer o percorrido, convertendo o periplo “nunha experiencia accesible a todo o mundo”. Está orientado a todo tipo de persoas, especialmente aquelas con risco de exclusión tecnolóxica, persoas maiores, con diversidade funcional e con necesidades fóra do común.

O presidente de FUNTESO e coordinador do proxecto, Enrique Varela Couceiro

O presidente de FUNTESO e coordinador do proxecto, Enrique Varela Couceiro, explica que a iniciativa “non é unha guía de empresas ao uso”, senón un banco de análise de recursos de mercadotecnia web onde empresas e profesionais poden actuar como colaboradores.

O proxecto estrela de 2019 apela “á parte moral, espiritual e mística do Camiño de Santiago”. Este ano realizarase o Camiño Francés en trece etapas en bicicleta (desde o 28 de setembro ao 10 de outubro entre Roncesvalles e Compostela), para fomentar o uso deste medio de transporte aplicando tecnoloxía responsable e con vistas a facer máis doado o percorrido, as paradas, o acceso ao patrimonio, cultura, comercio local e hostalería. Participarán un tándem, unha hand bike e algunha outra bici especial para persoas con diversidade funcional, así como bicicletas estándar ata completar o grupo de bicigrinos que percorrerá o Camiño coa organización. Para o seu seguimento e localización contarase coa nova tecnoloxía de G-ME, un sistema innovador, preciso e eficaz de seguimento de persoas, animais e cousas.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal