Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Codix.

Nova convocatoria do curso de preparación por teleformación para a obtención do CODIX

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/05/19 (10:30)
  • A súa publicación no DOG prevese para o luns 3 de xuño

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten previsto abrir o martes 4 de xuño o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recollerá na convocatoria que ten previsto saír publicada o próximo luns 3 de xuño no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar a finais do mes de novembro.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame -ou xustificar a súa exención-, tendo preferencia as persoas que non se matricularan na edición inmediatamente anterior desta actividade formativa convocada no pasado mes de xaneiro.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición será de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o martes 4 de xuño ata o luns 10 de xuño inclusive. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas.

As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,37 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a dita taxa.

A preinscrición neste curso e demais trámites relacionados co mesmo realizaranse exclusivamente a través de internet, por medio dun enlace que figurará nesta páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal)

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Tema: Xeral
Fonte: Rede CeMIT
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal