Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

A realidade das persoas con discapacidade ante as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións

Anxo Queiruga Vila. Presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI)

Versión para impresiónSend by email
20/09/11 (10:00)

Xa é un feito innegable que vivimos nunha cultura autenticamente tecnolóxica. Viaxamos con GPS, temos nos nosos petos smartphones e as pantallas dos equipos informáticos son as fiestras dos nosos traballos ou negocios, de moitos espazos de lecer e mesmo é habitual que nos comuniquemos cos nosos a través delas. Conceptos tan reais e complexos como “sociedade da información” ou “era dixital” viñeron a poñerlle nome ao inmenso impacto e transcendencia que as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) están a ter nas nosas vidas: xestións e trámites burocráticos sen saír da casa, moverse por unha rúa a golpe de clic ou multitude de tarefas domésticas son algunhas das moitas actividades nas que o uso e manexo das TIC poden supoñer numerosas vantaxes.

Sen embargo, tamén é certo que o que se presenta como unha beneficiosa ferramenta para o acceso a oportunidades e para o exercicio activo da nosa condición de cidadáns desta sociedade da información, tamén se pode converter nunha poderosísima arma de exclusión. Para entender este binomio, é preciso expoñer que existen dimensións das TIC que habitualmente pasan desapercibidas para os principais axentes sociais que interveñen no seu deseño, fabricación, comercialización e formación no seu uso. Unha desas dimensións é o feito de que existen colectivos de persoas para os que as TIC deixan de ser ferramentas meramente facilitadoras pasando a converterse nos únicos axentes que lles posibilitan facer tarefas cotiás de forma autónoma, isto é, sen axuda de terceiras persoas. Este pode ser o caso das persoas con algún tipo de discapacidade, un colectivo para o que a liña que separa as TIC como produtos de apoio e as TIC como barreira é, moitas veces, demasiado estreita.

Todas e todos sabemos que o ritmo dos avances tecnolóxicos é constante e rápido. É raro o día que non apareza nalgún medio de comunicación algunha nova relacionada con esta temática, pero… ¿ podemos garantir que a marea tecnolóxica que nos envolve chega a todas e todos por igual?, ¿realmente poden todas as persoas acceder ás oportunidades que ofrecen as TIC?

A resposta é desafortunadamente negativa. A experiencia de traballo vivida na Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ao longo de máis de dúas décadas permite facer unha reflexión crítica fiel á realidade de moitas persoas con discapacidade física da nosa comunidade autónoma en relación ás cuestións expostas.

Manexar un rato de ordenador estándar, unha tarefa que aparentemente é tan sinxela, pode chegar a ser totalmente imposible de realizar se non temos a coordinación e mobilidade voluntaria do noso membro superior dominante en perfecto estado. O mesmo pode pasar co noso teléfono móbil ou cun teclado convencional, unha circunstancia que altere o noso funcionamento corporal ou mental pode chegar a converter o seu uso nun verdadeiro reto. E son moitas as persoas para as que facer a compra ou facer unha xestión administrativa básica por internet é a única forma que teñen de facelo por si mesmas… ou moitas tamén para as que a única posibilidade que teñen de acceder a un posto de emprego é o teletraballo. Por non falar do cambio producido na forma de relacionarnos, un dos piares básicos da nosa esencia como “animais sociais” que somos. Actualmente as redes sociais, a mensaxería instantánea ou a videoconferencia son fórmulas de comunicación en auxe, e todas elas pasan polo uso de elementos puramente tecnolóxicos.

É inconcibible que poidan quedar persoas fóra de actividades básicas e instrumentais da vida diaria, do goce de oportunidades de traballo ou do tempo de lecer por non dispoñer das ferramentas necesarias para poder facelo, por utilizar as inadecuadas ou sinxelamente por descoñecer a súa existencia. É responsabilidade de todas e todos que estas situacións deixen de existir.

Dende COGAMI, tomamos esta responsabilidade coma unha prioridade de traballo diario. A nosa misión e valor fundamental sempre foi a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, e é unha realidade que todo o relacionado co que as TIC ofrecen, ten unha importancia moi relevante na sociedade actual. Neste sentido, son varias as necesidades e problemáticas que vimos detectando neste eido:

  • O elevado custo económico das alternativas aos produtos tecnolóxicos estandarizados. Sirva de exemplo o feito de que un rato convencional pode custar ao redor de 6 €, mentres que un rato tipo joystick (un produto de apoio tecnolóxico frecuentemente empregado por persoas con mobilidade reducida e/ou movementos involuntarios) pode chegar a custar 600 €. Nin que dicir ten que o feito de custe cen veces maior convértese nunha significativa barreira para a súa adquisición. Moitas persoas chegan a necesitar o uso simultáneo de máis dun produto de apoio tecnolóxico, agravándose a dificultade descrita.
  • O descoñecemento por parte das persoas con discapacidade, a súa contorna e a sociedade en xeral da existencia dun amplo abano de produtos de apoio tecnolóxicos. Actualmente dispoñemos de teclados con discriminación dactilar, teclados virtuais, ratos controlados coa cabeza ou pola mirada, magnificadores de pantalla e un longuísimo etcétera. Poderíamos incluso abrir as portas da nosa casa ou pechar as persianas mediante conmutadores accionados por un pestanexo ou calquera outro mínimo movemento voluntario.
  • A falta de recursos específicos dedicados ao asesoramento, formación e adestramento necesarios para a correcta utilización de ditos produtos de apoio que conten cos recursos humanos adecuados. É fundamental que exista unha rede de profesionais cualificados para asesorar ás persoas en relación a que produto se adecúa máis ás características e necesidades de cada persoa, sen que medien intereses comerciais nese asesoramento, posto que pode chegar a ser tan prexudicial o utilizar un produto de apoio tecnolóxico inadecuado coma non utilizar ningún. Moitos produtos de apoio tecnolóxicos requiren ademais un proceso de adestramento complexo ata que a persoa logra o seu uso de forma independente, polo que o apoio e orientación profesional durante este proceso resulta imprescindible.

Dende COGAMI parámonos detidamente a analizar estas situacións como necesidades non cubertas e como tal dedicamos, en plena conciencia de concordancia con todo o que nos define como entidade, esforzos, tempo e enerxía para poñer en marcha iniciativas que poidan chegar a cubrir estes furados que están a provocar auténticas circunstancias de exclusión para as persoas con discapacidade.

Así naceron realidades como a Aula Ocupacional de Novas Tecnoloxías para Persoas con Grandes Discapacidades, situada no Centro de Recursos para a Discapacidade de Fingoi, en Lugo. É un recurso no que persoas con discapacidades en alto grao de afectación dispoñen de todos os produtos de apoio que precisan para poder acceder de forma autónoma ás TIC, tendo ademais o permanente apoio desa rede de profesionais xa argumentado como imprescindible. Na Aula Ocupacional de Novas Tecnoloxías de Fingoi Terapeutas Ocupacionais, Técnico Informático, Traballadoras Sociais, Formadores e o resto do equipo de traballo non entenden de fendas dixitais, e a valoración das necesidades existentes pon en marcha unha auténtica carreira de fondo por acadar todo aquilo que as persoas con discapacidade se propoñen.

Poderíamos mencionar outros exemplos tan claros coma complexos de artellar. Os cursos de formación a distancia fan posible o achegamento das TIC ás persoas con discapacidade que viven nas aldeas, nunha Galicia eminentemente rural na que as oportunidades de participación activa na era dixital convértense ás veces en auténticas utopías para as persoas con discapacidade que viven afastadas dos núcleos urbanos.

Pero queda sen dúbida moito que facer. Temos que lograr minguar as dificultades coas que se atopan as persoas con discapacidade á hora de acceder ao produto de apoio que precisan. Esas barreiras económicas, de descoñecemento ou información inadecuada e de falta do adestramento e do apoio profesional axeitado necesariamente teñen que tender a desaparecer. Neste sentido, estase xermolando en COGAMI a idea dunha nova iniciativa que tentará cubrir todas estas necesidades nun servizo integrado e de calidade. Trátase dun servizo de asesoramento específico e préstamo de produtos de apoio para persoas con discapacidade, no que os produtos de apoio tecnolóxicos cobrarían gran importancia e no que o apoio polos profesionais axeitados para cada situación e necesidade estaría garantido. Estamos comezando a labrar este camiño, buscando as ferramentas e a axuda que necesitamos para que poidamos comezar a camiñar por el.

E rematar invitando ás lectoras e lectores a reflexionar sobre un exercicio moi san que non se atopa en ningún ximnasio: a empatía. Ou dito de forma coloquial, o de poñerse no lugar do que tes enfronte, ao carón, da outra persoa. Non nos decatamos de que estamos a destacar os aspectos negativos das formas diferentes que temos de funcionar, da diversidade. E como axentes sociais que somos todas e todos, é responsabilidade nosa que isto cambie. Como din por aí… as diferenzas non fan a diferenza.

Tema: Xeral
Fonte: imit
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal