Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

Caixon solidario

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ante as numerosas consultas recibidas, quere servir de enlace entre as entidades de acción voluntaria e os cidadáns/cidadás e establecementos que dispoñen de obxectos e materiais que xa non precisan (roupa, alimentos, xoguetes, libros, electrónica, computadores, telefonía móbil…

Versión para impresiónSend by email
22/12/11 (17:03)

Por iso facemos un chamamento a todas as entidades do Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia que estean interesadas en ser receptoras de algúns destes obxectos. Estas entidades pasarán a formar parte dunha base de datos agrupada por categorías.

A Dirección Xeral porá a diposición destas entidades un apartado da súa páxina web onde os interesados poderán consultar en cada momento que entidades son receptoras e de que produtos, ademais de proporcionar esta mesma información cando lle sexa solicitada por correo electrónico ou por vía telefónica.

A Dirección Xeral limitarase a ser un mero transmisor de información, así como un elemento de enlace entre o doante e o receptor, de xeito que a aceptación, o transporte e a recepción dos elementos doados corren por conta das ditas partes, sendo allea a Dirección Xeral ás relacións que desde ese momento entablen as partes.

En todo momento farase fincapé en que os obxectos doados estean en bo estado e en condicións adecuadas para ser usados por outras persoas.

Se a vosa entidade está interesada en participar nesta iniciativa cubride o formulario de inscrición que aparece no espazo de "PLANS E PROGRAMAS".

Pola contra se eres un particular ou establecemento interesado en doar roupa, xoguetes, libros, mobles, electrónica, alimentos ou calquera outra cousa, podes mandar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@xunta.es ou chamar por teléfono ao 900 400 800 e facilitarémosche o contacto da entidade ou entidades que máis che interesen.

Tema: Xeral
Fonte: voluntariogalego.org
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal