Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Sinatura do convenio.

UDC, CITIC e COGAMI crearán fogares dixitais plenamente accesibles e integradores

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 09/04/19 (08:09)

O reitor da Universidade da Coruña, Julio abalde, e o presidente da confederación galega COGAMI, Anxo Queiruga, formalizaron onte un convenio de colaboración para o impulso das novas tecnoloxías da información nos ámbitos das diversidades funcionais-coginitivas e da accesibilidade. Este impulso en contra das fendas que separan aos colectivos que representa COGAMI das vantaxes persoais das novas ferramentas materializarase a través do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC, cuxo director, Manuel González Penedo, tamén estivo presente no acto de onte. 

Desde o CITIC, en colaboración cos profesionais e usuarios de COGAMI, levaranse a cabo proxectos de investigación que fomentan o uso dos recursos dixitais para mellorar a participación e autonomía dos ditos colectivos a través de solucións baseadas nos principios do deseño universal e centrado nas necesidades e capacidades dos usuarios. Durante a sinatura do acordo, tanto o reitor como o presidente manifestaron a súa satisfacción por esta alianza, que permitirá dotar de maior autonomía persoal a un relevante número de galegas e galegos.

Pola súa banda, González Penedo explicou que no centro se está a traballar na creación dunha sala de demostradores tecnolóxicos, na que se simulará un espazo de vivenda doméstica. “Nela”, dixo, “instalaranse diferentes elementos de domótica e outros servizos TIC domésticos como asistentes por voz ou realidade virtual”. En colaboración con COGAMI e a Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, estes servizos serán testeados e acondicionados para mellorar o seu grao de accesibilidade e definir adaptacións funcionais. 

Outra liña de colaboración ten por obxectivo avaliar e desenvolver adaptacións mediante a tecnoloxía de impresión 3D. Segundo lembraron no acto de onte, “esta tecnoloxía está a revolucionar o eido das próteses e órteses, xa que permite unha maior personalización e adaptación das necesidades específicas de cada persoa”. Desde o CITIC traballarase no deseño e nas probas de funcionamento dos elementos creados.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal