Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logos FLM e Mouse4all.

A Fundación Lesionado Medular e Mouse4all colaboran para mellorar a comunicación e a autonomía das persoas con lesión medular

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 20/06/18 (14:19)
  • O obxectivo do acordo é que as persoas con lesión medular poidan mellorar a súa independencia e integración na sociedade a través do acceso a tabletas e móbiles de forma autónoma, porque a experiencia demostra que persoas con severos problemas de mobilidade son capaces de formar parte da sociedade dixital.
 
Fundación do Lesionado Medular (FLM) e a empresa social Mouse4all asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover o uso de dispositivos móbiles entre os afectados por lesión medular. Na última década, o avance da tecnoloxía móbil transformou o mundo, e este acordo pretende reducir a fenda dixital que sofren as persoas con problemas severos de mobilidade por non utilizar unha pantalla táctil.
 
A iniciativa responde á necesidade detectada por ambas as entidades de axuntar esforzos para mellorar a autonomía das persoas con discapacidade. Mouse4all é unha solución de accesibilidade que permite usar unha pantalla táctil a persoas con graves limitacións físicas. Deste xeito, coincide coa misión da FLM de mellorar a calidade de vida das persoas con lesión medular e conseguir a súa plena integración na sociedade, evitando o risco de exclusión grazas ao acceso á tecnoloxía.
 
Mouse4all consegue que as persoas con parálises nas extremidades superiores, con só mover unha panca co mentón ou facer un "clic" nun pulsador coa cabeza, poidan manexar un teléfono móbil ou unha tableta Android. Así, sen necesidade de tocar a pantalla, poden volver acceder a Internet, redes sociais, xogos, chatear cos seus amigos ou facerse un "selfie".
 
Grazas a esta colaboración puxéronse a disposición da FLM varios dispositivos Mouse4all para que ambas as entidades identifiquen novas funcionalidades e melloras do produto. A través do seu uso na Escola de Novas Tecnoloxías, nas sesións de Terapia Ocupacional e de forma individualizada por residentes do centro, os asociados achegarán as súas experiencias persoais.
 
No caso de Wafa e Fernando, usuarios cunha lesión medular moi alta, utilízanse diversos sistemas de apoio para acceder ao teléfono móbil, como un pau táctil, ademais de control por voz e control por pulsador. Ambos son un grande exemplo de normalización do uso de dispositivos móbiles, o que demostra que o acceso á tecnoloxía é posible. Tanto Mouse4all como a FLM esperan que esta experiencia anime a outras asociacións e centros a poñer tabletas e móbiles a disposición dos seus asociados.
 
En España anualmente prodúcense entre 800 e 1000 novas lesións medulares. Estímase que hai máis de 30.000 persoas con Lesión Medular. Delas entre o 70 ou 80% débese a causas traumáticas, dentro das cales a maior porcentaxe son os accidentes de tráfico.
 
Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal