Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo da xornada

Volve Rapaciñ@s, a tecnoloxía ben segura

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/05/16 (07:54)

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro de Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" hai dúas temáticas claramente destacadas: as redes sociais e menores, elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes.

Destas preocupacións naceu o ano pasado a iniciativa Rapaciñ@s, unha serie de charlas informativas que volverán a percorrer Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e que arrinca cun gran evento na Cidade da Cultura. Familias e docentes atoparán información e recursos de interese, namentres as nenas e nenos desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

 

Inicio das xornadas

As xornadas arrincan o 14 de maio na Cidade da Cultura de Galicia. Na parte adicada ás nais e pais analizarase o uso que fan os menores da Internet e dos seus riscos desde diferentes perspectivas, ofrecendo instrumentos de apoio ás familias para evitar riscos. 

Será ás 17:30 no Salón 1 do Edificio CINC cando Mar Pereira, directora da Amtega e Fernando Suárez, presidente do CPEIG, dean a benvida e fagan a presentación da xornada. A continuación, ás 17:45, a psicóloga social Dolors Reig dará unha conferencia que leva por título "Internet non é doutro mundo: acompañando aos nosos rapaces na nova contorna dixital".

 

Obradoiros para nen@s

Desde as 16:30 e ata as 19:30, nos espazos abertos da Cidade da Cultura próximos ao auditorio, haberá actividades relacionadas coas novas tecnoloxías nas que se combinan o aspecto lúdico co didáctico para nenas e nenos de 8 a 14 anos. As empresas encargadas dos obradoiros son Tech Academy e Arkitas Robótica sendo as prazas e horarios dos obradoiros os seguintes:

  • 3 obradoiros de Minecraft (30 prazas): 17:00, 17:45 e 18:30.
  • 2 obradoiros de Scratch (20 prazas): 17:00 e 17:30.
  • 4 obradoiros de Robótica educativa (24 prazas): 17:00, 17:30, 18:00 e 18:30.
  • 1 obradoiro de Robótica (20 prazas): De 17:00 a 19:00.

Os participantes deberán traer un ordenador portátil para a realización dos obradoiros. A inscrición poderá realizarse en https://goo.gl/VRmmjK.

 

Concurso

Os centros de ensino poden participar tamén en Rapaciñ@s a través do concurso de programación organizado este ano como novidade. Así, grupos mixtos de alumnos de 10 a 14 anos, dirixidos por un docente, deberán desenvolver unha historia en formato story telling sobre o Día das Letras Galegas utilizando a ferramenta scratch. O prazo de inscrición xa está aberto no enderezo info@cpeig.gal e remata o 12 de maio ás 23.00 horas.

Un xurado composto por representantes do CPEIG e da Amtega seleccionará o proxecto gañador e os seus creadores recollerán o galardón, un kit de robótica, ao peche da xornada de Rapaciñ@s, o día 14 de maio. 

 

Máis información

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal