Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mar Pereira durante a apertura do XV Encontro de Redes de Telecentros

Mar Pereira anuncia a posta en marcha este ano do Plan de inclusión dixital de Galicia 2020

  • Ten como obxectivo garantir a capacitación dixital da sociedade galega, un dos obxectivos estratéxicos da Axenda Dixital de Galicia 2020
  • Destacou o labor realizado ata agora no ámbito da alfabetización dixital grazas ás aulas públicas de CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital
  • Desde 2011 a rede de aulas publicas impartiu máis de 186.600 horas de formación gratuíta e este ano superará os 50.000 usuarios rexistrados
  • Máis de 18.000 persoas beneficiáronse das actividades de Voluntariado Dixital no que participan 462 persoas voluntarias e 122 entidades e mecenas dixitais
  • Convócase a segunda edición da iniciativa de innovación social CeMIT-Innova, na que 10 aulas da rede impulsarán iniciativas sociais baseadas nas TIC para dar resposta a necesidades da súa contorna
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/03/16 (08:06)

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia porá en marcha antes do verán o Plan de Inclusión Dixital de Galicia. Así o anunciou a directora da Amtega, Mar Pereira, esta mañá na inauguración do XV Encontro Redes de Telecentros que se celebra na Cidade da Cultura, organizada pola Asociación Comunidade de Redes de Telecentros, en colaboración coa Amtega.

A responsable do departamento tecnolóxico da Xunta enmarcou esta iniciativa nos obxectivos estratéxicos da Axenda Dixital de Galicia 2020. Pereira sinalou que o Plan ten o dobre obxectivo de conseguir a inclusión e capacitación dixital da cidadanía galega e impulsar a empregabilidade, salvando tanto a primeira fenda dixital, -a do acceso-, como a segunda –a relacionada co aproveitamento das habilidades dixitais para obter os máximos beneficios da Rede-.

 

Rede CeMIT e Voluntariado Dixital en Galicia
A directora da Amtega destacou que a Administración autonómica afronta este desafío en base aos avances que conseguidos nos últimos seis anos, grazas a medidas e instrumentos como a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), integrada na Rede Nacional de Telecentros, ou o Programa de Voluntariado Dixital de Galicia.

A Rede CeMIT abriu as súas portas en 2011 e hoxe conta coa colaboración de 92 concellos galegos, está integrada por 98 aulas e ten presenza nas 53 comarcas galegas. Leva impartidas máis de 186.600 horas de formación e este ano está previsto superar os 53.000 usuarios rexistrados

Nos dous últimos anos CeMIT imparte tamén a formación para a obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Un activo que reforza o perfil profesional das persoas cara a súa inserción laboral. Ofrecéronse máis de 1.400 prazas a través da Rede CeMIT.

Como actuación complementaria da formación nas aulas en 2012, a Amtega puxo en marcha o Programa de Voluntariado Dixital, que suma o altruísmo dos voluntarios, recursos privados e públicos para impulsar o uso do TIC, principalmente nos grupos en risco de exclusión dixital.

En catro anos máis de 18.000 persoas se beneficiaron das actividades deste programa que conta coa colaboración de 462 persoas voluntarias e 122 entidades colaboradoras e mecenas dixitais.

 

Nova Edición de CeMIT Innova
A directora da Amtega anunciou tamén a apertura da segunda edición de CeMIT –Innova, unha iniciativa de innovación social dixital que se celebrou o pasado ano en nove aulas da rede. A innovación social dixital emprega a tecnoloxía para resolver retos locais ligados á educación á saúde, ao emprego, e en definitiva ao benestar da cidadanía.

A primeira edición de 2015 deu como resultado solucións como un prototipo de escritorio adaptado á persoas con discapacidade desenvolto en software libre; varias plataformas locais para fomentar o emprego ou portais web para difundir historia e o patrimonio local entre outras.

Desde hoxe e ata o 15 de abril as aulas CeMIT interesadas en participar poden enviar as súas propostas.

 

XV Encontro Nacional de Telecentros
Galicia foi a Comunidade escollida para celebrar a decimoquinta edición do Encontro Nacional de Redes de Telecentros, que organiza a Asociación Comunidade de Redes de Telecentros, da que forma parte a Rede CeMIT da Xunta.

A Asociación, constituída no ano 2008, é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa a a 12 institucións publicas de 10 Comunidades Autonómicas que traballan na creación, dinamización e mantemento de espazos públicos destinados ao fomento da Sociedade da Información, en España mediante a promoción do acceso da cidadanía ás tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal