Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Non te enredes

A AEPD publica novas guías para concienciar sobre a importancia de protexer a privacidade en Internet

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 01/12/15 (09:32)

A Axencia Española de Protección de Datos presentou hai uns días a nova versión da súa web Ti decides en Internet, un proxecto dirixido a concienciar tanto a mozos como a pais e profesores sobre a importancia de protexer a privacidade na Rede. Este proxecto forma parte da execución do Plan Estratéxico da AEPD, que se aprobará este mes e que ten como unha das súas liñas prioritarias a protección dos menores.

O novo sitio web, que se redeseñou mellorando a súa estrutura e engadindo novos contidos, incorpora dúas novas guías realizadas pola Axencia que inclúen recomendacións e consellos: 'Non te enredes en Internet', orientada aos menores e 'Guíaos en Internet', para pais e profesores. Pola súa banda, o Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, contribuirá á difusión destes contidos aloxándoos na súa plataforma e póndoos a disposición de todos os profesores.

A guía 'Non te enredes en Internet' está composta por oito fichas didácticas dirixidas aos nenos de entre 10 e 14 anos, unha franxa de idade que a Axencia considera clave para a formación dixital dos menores. Estas fichas inclúen contidos que van desde explicar aos mozos que son os datos persoais e que información podería obter un descoñecido deles cando os facilitan ás consecuencias de publicar ou reenviar fotos e vídeos dun mesmo ou de terceiros sen exporse as consecuencias. A guía ofrece tamén consellos e recomendacións en temas como o reenvío automático de mensaxes, a utilización segura de contrasinais, o comportamento en grupos de mensaxería instantánea, que facer para eliminar fotos ou vídeos nos que aparece o menor ou como reaccionar ante o acoso.

A Axencia é consciente de que para unha adecuada educación dixital dos menores é imprescindible contar co apoio dos seus pais e profesores. Por iso, os novos materiais inclúen unha segunda guía para estes grupos chamada 'Guíaos en Internet', un documento que serve como resposta complementaria e ampliada da guía de menores e que ten como obxectivo, a partir das fichas dirixidas aos nenos, ofrecer a pais e profesores un texto orientador que poida axudarlles coa tarefa educativa de fomentar hábitos responsables entre os mozos en materia de privacidade e protección de datos. Desa forma, ofrécense algunhas das claves necesarias para que estes grupos poidan contribuír a axudar ao menor a desenvolver a súa identidade dixital.

Ambas as guías están dispoñibles tanto en formato web como en PDF para imprimir, de forma que, sobre todo pais e profesores, poidan utilizar o recurso que lles sexa máis útil para traballar en casa ou na aula. Ademais, cada unha das guías conta tamén cun breve vídeo explicativo do contido das mesmas.

O lanzamento da nova web Ti decides en internet e os materiais adicionais incluídos nela enmárcanse nun proxecto global da Axencia que sitúa a información, a prevención e a concienciación como elementos esenciais para protexer de forma eficaz aos menores, un colectivo especialmente vulnerable que pode verse involucrado en situacións de alto risco. De feito, case o 40% dos cidadáns considera que o risco máis habitual ao que están expostos os menores en Internet é a difusión de fotos e vídeos comprometidos, seguido de dar demasiada información sobre eles mesmos a xente que non coñecen, segundo datos do CIS. Con estes datos, a Axencia considera imprescindible ofrecer ferramentas preventivas que permitan evitar riscos a un colectivo, o dos menores, no que as novas tecnoloxías teñen especial incidencia.

Tema: Xeral
Fonte: familiadigital.net
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal