Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Intel

Intel crea un fondo para potenciar o emprendemento entre mulleres

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 12/06/15 (13:30)

Intel Capital, a organización para investimentos a escala mundial do fabricante de chips, anunciou onte a creación dun fondo para investir en novas empresas tecnolóxicas dirixidas por mulleres e por emprendedores de minorías infrarrepresentadas. O fondo, de 125 millóns de dólares (110,7 millóns de euros), é o maior da súa clase, segundo o xigante tecnolóxico.

A multinacional explicou que o fondo se pon en marcha con investimentos en catro compañías (Brit+Co e Mark One, de San Francisco; CareCloud, de Miami, e Venafi, en Salt Lake City) que desenvolven os seus negocios en diferentes sectores, incluíndo a internet das cousas, a sanidade ou a ciberseguridade, por exemplo. O novo fondo servirá de complemento aos 300 millóns da iniciativa Diversity in Technology de Intel, anunciada pola compañía en xaneiro, e que ten como fin lograr a plena representación de mulleres e minorías infrarrepresentadas entre o persoal da compañía en EE UU para o ano 2020. 'O noso obxectivo con este novo fondo é apoiar de forma significativa ao persoal das novas empresas tecnolóxicas para reflectir de mellor maneira a nosa sociedade', dixo Brian Krzanich, conselleiro delegado de Intel.

O maior fabricante de chips do mundo destaca que só o 15% das compañías financiadas polo capital risco en EEUU ten unha muller no equipo directivo, segundo un informe recente de Babson College, e as compañías cunha muller como conselleiro delegado só reciben un 3% do total do capital risco. Igualmente, menos do 1% dos fundadores de compañías de Silicon Valley son afroamericanos ou latinos e case o 100% dos fundadores de compañías que recibiron financiamento son brancos ou asiáticos, segundo diferentes estudos do sector.

'Con este novo fondo, Intel comprométese a investir no mellor talento nunha ampla variedade de individuos', insistiu Lisa M. Lambert, vicepresidenta e directora xeral en Intel Capital. Esta organización investiu 11.400 millóns de dólares en máis de 1.400 compañías de 57 países desde 1991.

Tema: Xeral
Fonte: Cinco Días
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal