Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Aidan Robinson

Unha man feita con Lego, a prótese universal deseñada por un neno de nove anos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/11/14 (07:50)

Aidan Robinson naceu cun brazo esquerdo que terminaba no cóbado. Isto fixo que desde pequeno levase prótese para realizar accións cotiás. A pesar de que aprendeu a traballar con ámbalas extremidades sen problemas había unha dificultade: o deseño das pezas que usaba moitas veces non se axustaba ás necesidades que tiña.

Cansado de levar sistemas ríxidos que non se movían, decidiu instalarse un implante myoeléctrico que lle permitise transforma-los movementos dos seus músculos en respostas eléctricas para controlar unha prótese. A idea era boa pero había algo que fallaba: era difícil atopar modelos para nenos pero Robinson púxose a traballar niso e fabricouse, xunto a Coby Unger (un deseñador de Autodesk), unha peza a medida para resolve-los seus usos diarios.

A súa principal virtude é que crece co neno

A prótese de Robinson é unha peza de plástico Aquaplast que ten un conector físico que lle permite axustar diferentes obxectos. Desde unha man feita con pezas de Lego a un soporte para xogar á Wii co seu respectivo mando de movemento. Cada peza axústase a un tipo de necesidade e axuda a que este pequeno poida desenvolverse con máis versatilidade.

A súa creación interesou a algúns fabricantes que están a ver como converter este prototipo nunha prótese que se poida producir a gran escala para outras moitas persoas, especialmente nenos, co mesmo problema que ten Robinson. O seu caso é moi interesante por unha simple razón: é unha tecnoloxía que crece coa persoa.

O problema coas próteses para nenos é que segundo van crecendo hai que cambialas e iso tradúcese nun gasto enorme para moitos pais. Cando xa se é adulto e párase de crecer a situación cambia pero ir cara a modelos máis alcanzables, a través de ferramentas como a impresión 3D fan que se poida reducir custos e ofrecer solucións máis alcanzables.

Non é a primeira vez que falamos das próteses infantís. Hai tempo xa vimos un modelo para crear pezas impresas en 3D ou unha man de Iron Man que ademais de mover os dedos tiña algunhas funcións parecidas ás que leva o personaxe de Marvel. En calquera caso, a mensaxe de Robinson e Coby Unger (a persoa que lle axudou a fabricar o prototipo) é facer ver que o futuro das próteses pasa por ofrecer unha solución que permita máis usos e non supoña unha limitación.

Tema: Xeral
Fonte: Xataka
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal