Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Impresora 3D.

Alumnos da aula CeMIT de Ortigueira elaboran material adaptado a persoas con discapacidade con impresoras 3D

Versión para impresiónSend by email
Ortigueira, 09/10/23 (10:14)
  • Os obxectos elaborados foron entregados á Asociación Pro Minusválidos do Ortegal, que traballa con persoas con discapacidade intelectual
  • Esta actividade enmárcase na formación que ofrece a Rede tras a dotación ás aulas de máis de 1.300 novos dispositivos entre impresoras 3D, kits de robótica, drons ou gafas de realidade virtual

Alumnos da aula CeMIT de Ortigueira participaron esta semana nunha actividade formativa de tres días na que elaboraron obxectos adaptados a persoas con discapacidade con impresión 3D. O material elaborado foi entregado á Asociación Pro Minusválidos do Ortegal (ASPROMOR), que traballa con persoas con discapacidade intelectual.  

As persoas participantes nesta formación crearon, mediante impresión 3D, diferentes obxectos destinados a facilitar as tarefas cotiás de persoas con discapacidade intelectual tales como agarrar unha culler, atar as cordas dos zapatos ou extraer a pasta do tubo dentífrico.

O obxectivo destas xornadas, ademais da creación dos materiais adaptados, era facer fincapé na importancia de formar á cidadanía en tecnoloxías como a impresión 3D e as súas posibles aplicacións, neste caso cun fin social. A impresión 3D facilita a creación, dun xeito sinxelo, a un custe moi baixo e nun tempo mínimo, dun material adaptado ao que, doutro xeito, tanto persoas con discapacidade como as súas familias terían complicado acceder.

Con esta iniciativa búscase que esta experiencia serva de punto de partida para outras colaboracións similares con outras asociacións e localidades galegas, contando coas capacidades, tanto humanas como técnicas, da Rede CeMIT.

Esta formación enmarcase nas actividades que se están a desenvolver grazas á dotación de novo material tecnolóxico á Rede, tras distribución este ano de máis de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de robótica, drons ou gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.

Sobre ASPROMOR

ASPROMOR é unha entidade de acción social fundada no ano 1984, por iniciativa dun grupo de nais e pais co fin de mellorar a calidade de vida e dar cobertura ás necesidades de apoio das persoas con discapacidade intelectual. Nun inicio a súa labor centrábase na poboación infantil, pero no ano 1990 créase o Centro Ocupacional ASPROMOR para prestar servizo a persoas adultas con discapacidade intelectual.

A Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, CeMIT, é unha iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que conta coa colaboración de 90 concellos. Está integrada por 96 aulas públicas que ofrecen capacitación dixital a toda a sociedade, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital.

 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal