Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

A Xunta porá en marcha en 2012 o Programa de Voluntariado Dixital para apoiar a integración da cidadanía galega na sociedade da información

A iniciativa é un complemento ás actuacións que desenvolve a Administración autonómica no ámbito da alfabetización dixital para achegar as TIC a unha maior porcentaxe da poboación

O programa articúlase sobre a figura do voluntario dixital, entidades colaboradoras e empresas que actuarán como mecenas dixitais

O voluntario dixital deberá ser maior de 18 anos e ter un conecemento tecnolóxico de usuario medio

O programa desenvolverase ao longo de 2012 dividido en dúas convocatorias semestrais e espérase mobilizar 100 voluntarios na primeira fase

As entidades colaboradoras e os voluntarios poderán adherirse ao programa unha vez que se faga a convocatoria a través da web www.voluntariadogalego.org

 

 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 13/01/12 (14:35)

O Goberno galego vai pór en marcha en 2012 o Programa de Voluntariado Dixital para contribuír á incorporación das novas tecnoloxías á vida cotiá de toda a cidadanía galega, mediante a colaboración e compromiso de persoas voluntarias, co obxectivo de fomentar a inclusión social, utilizando as TIC como ferramenta.

A posta en marcha do Programa de Voluntariado Dixital concíbese como un complemento ás actuacións que está a levar a cabo a Xunta no ámbito da alfabetización dixital, como a formación a través da Rede de Centros para a Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMIT), co obxectivo de achegar as TIC a unha maior porcentaxe da poboación e favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía. Trátase de evitar que ninguén quede á marxe do avance tecnolóxico xa que é unha forma máis de exclusión social a que hai que facer fronte.

O Programa de Voluntariado Dixital, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, articúlase sobre a figura do voluntario dixital, as entidades colaboradoras e empresas que actuarán como mecenas dixitais. Ademais, a rede de voluntarios contará coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico da rede de aulas CeMIT, as bibliotecas públicas e outros recursos que poñan á disposición do programa tanto entidades públicas como privadas que se adhiran á esta iniciativa. O programa desenvolverase ao longo de 2012 e dividirase en dúas convocatoria semestrais para que as entidades colaboradoras poidan adherirse ao proxecto.

As entidades colaboradoras e os voluntarios poderán adherirse ao programa unha vez que se faga a convocatoria a través da web www.voluntariadogalego.org. A convocatoria permanecerá aberta durante 1 mes. Para participar no programa as entidades de acción voluntaria deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia, Decreto 405/2001, do 29 de novembro.

O Programa de Voluntariado Dixital contará cunha web propia onde se publique a información sobre os servizos que ofrece. Esta web será o espazo en que se rexistrarán os voluntarios, as entidades colaboradoras e as empresas que queiran participar como mecenas dixitais na iniciativa.

A Oficina VolDIXITAL, composta polas persoas responsables do programa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, será a encargada de canalizar a oferta-demanda do programa, canalizando tanto as solicitudes como o labor dos voluntarios e os apoios dixitais que soliciten as entidades de acción voluntaria a través da web do proxecto.

A intención do programa é ofertar un espazo de comunicación entre os axentes implicados na acción voluntaria en Galicia e as persoas voluntarias facilitando o contacto entre eles.

Voluntarios
O programa entende como voluntario dixital o internauta maior de 18 anos, cun coñecemento tecnolóxico de usuario medio capaz de axudar cos seus coñecementos e sentido da solidariedade á alfabetización dixital.

O obxectivo no primeiro semestre é conseguir a mobilización de 100 voluntarios que sexan demandados a través da solicitude, por parte das entidades de acción voluntaria que se adhiran ao proxecto.

O seu labor estará dirixido aos colectivos onde a fenda dixital se fai máis evidente, entre outros, as persoas maiores, desempregados, persoas con discapacidade, persoas hospitalizadas e mulleres.

Os voluntarios terán á súa disposición un programa de capacitación incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude para poder realizar as actuacións de apoio dixital. Ademais da formación os voluntarios recibirán o recoñecemento ao seu labor en forma de certificación da súa participación nas actividades que desenvolvan e terán a posibilidade de poñerse en contacto con profesionais do sector galego das novas tecnoloxías, o mundo empresarial e o terceiro sector.

As persoas que queiran participar no programa como voluntarios dixitais rexistraranse como voluntarios na web do proxecto e solicitarán aqueles apoios dixitais que máis lles interesen, demandados polas entidades de acción voluntaria.

Apoio dixital
O apoio dixital é o modo no que os voluntarios ofrecen a súa axuda e os seus coñecementos para que os usuarios do proxecto poidan achegarase ás novas tecnoloxías. Os apoios dixitais responderán as temáticas relacionadas coa internet e novas tecnoloxías, son as seguintes como: iniciación a internet, redes sociais, lecer e servizos da rede, equipamento e conectividade, recursos da internet.

Entidades colaboradoras e mecenas dixitais
As entidades colaboradoras clasifícanse en entidades de acción voluntaria, que se adhiren ao proxecto para difundir os seus obxectivos cos colectivos con que cooperan e organismos colaboradores, e aquelas institucións públicas e privadas que terán un papel de apoio, soporte e aval á iniciativa de maneira continua. Na primeira fase de posta en marcha do proxecto está prevista a sinatura de catro convenios con outras tantas entidades representativas dos colectivos de persoas maiores e persoas con discapacidade, así como entidades representativas do ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

Os mecenas dixitais son as empresas privadas que participan na liña do mecenado dixital contribuíndo economicamente no programa de formación, na doazón de equipamento TIC e outros bens, na cesión de uso de espazos TIC, apoiando a comunicación ou financiando eventos específicos.

Proceso de solicitude do apoio dixital
Para iniciar o proceso de solicitude primeiro deben rexistrarse como entidade de acción voluntaria na web do proxecto, despois crear unha demanda de apoio dixital, solicitar o número de voluntarios requiridos para el e, finalmente, nomear un coordinador para o Programa de Voluntariado Dixital.

As entidades de acción voluntaria e os voluntarios poderán adherirse ao programa unha vez que se faga a convocatoria a través da web www.voluntariadogalego.org. A convocatoria permanecerá aberta durante 1 mes. Para participar no programa estas entidades deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia, Decreto 405/2001, do 29 de novembro.

Aulas VolDIXITAL
O apoio dixital poderá recibirse en calquera das aulas pertencentes á "Rede Aulas VolDIXITAL", entre as cales se atopan bibliotecas públicas, centros Rede CeMIT, centros sociocomunitarios, etc.

Os apoios dixitais serán realizados polos voluntarios en calquera das aulas dispoñibles para ese efecto, a oficina de voluntariado dixital encargarase de acceder ao inventario para reservar os recursos dispoñibles no centro máis adecuado segundo as necesidades do acompañamento, a proximidade, a dispoñibilidade do centro e as preferencias do solicitante.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal