O compromiso do Consello da Cultura coa análise do que están a dar de si as novas tecnoloxías como elementos transformadores dos nosos xeitos de comunicarnos e procurar información (entre outras moitas transformacións do día a día de cada quen) non só se vai deixar notar amplamente en 2018, senón tamén nesta recta final de 2017. Se hai uns días falamos das reflexións feitas sobre o ciberacoso dende a sede do CCG, hoxe é a quenda de avanzar as liñas xerais da xornada Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos, prevista para o 9 novembro, novamente na sede do Consello da Cultura, e contando na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva. A cita, como se indica no seu nome, será unha oportunidade para ver até onde chegamos en materia de comunicación móbil e albiscar o que nos reserva o futuro neste ámbito. Segundo avanza o CCG, todo indica a que este modelo comunicativo e cultural (tendo en conta o espectacular medre no tráfico de mensaxes nos dispositivos móbiles) “veu para quedar”.
O CCG tamén lembra que os datos recentes achegan evidencias claras sobre a importancia destes dispositivos no ámbito da comunicación e da cultura: no ano 2016, o tráfico de Google alcanzou a marca do 50 por cento para dispositivos móbiles por primeira vez, fronte a un 42 por cento nos dispositivos de escritorio. E no ano 2017 esta cifra medrou ata o 60 por cento, mentres o de Facebook pasou do 78 por cento ao 87 por cento.
Neste contexto, o obxectivo desta xornada é “analizar como a sociedade móbil está a mudar usos e consumos de produtos culturais”. Trátase, engade o CCG, “de dispoñer de visións do novo marco, nas vésperas da cuarta revolución industrial, e da situación da cultura galega nese escenario en construción”.
Programa da xornada
Regístrate como: