Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Cartel da xornada

CESGA e CPEIG celebran este xoves o Dia das Rapazas nas TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 27/04/16 (08:23)

Un ano máis, por desgraza, cómpre traballar a prol dunha meirande igualdade profesional entre homes e mulleres no ámbito das novas tecnoloxías: galego, estatal e internacional. De feito, non é só que o traballo das mulleres se visualice peor, que tamén, senón que a sociedade actual, tal e como está artellada (con múltiples elementos que espallan estereotipos e ideas discriminatorias en todos os recantos), fai que a presenza das rapazas nos estudos TIC sexa menor do que debera. Para facer visible este problema e emendalo na medida do posible celébrase cada ano o Día Internacional das Rapazas nas TIC, o Girls in ICT Day. A cita é este xoves 28 en Santiago. Organizan o CESGA e o CPEIG.

O evento a nivel internacional vén da man da entidade International Telecommunications Union (ITU). O seu obxectivo, con esta celebración, é “motivar as novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional”.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI), xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza a edición galega do Girls in ICT Day. Será no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.

Tamén colaboran na xornada as seguintes entidades: a Consellería de Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Facultade de Informática da UDC e Woman Emprende-USC.

 

Programa

Despois da benvida institucional a cargo da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a organización prevé un coloquio ás 11 da mañá desde centros educativos por multiconferencia con catro galegas destacadas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC. Segundo sinalan as entidades organizadoras, o alumnado participante interactuará con elas para coñecer máis sobre os seus respectivos eidos profesionais e as motivacións persoais para elixir unha outra carreira profesional. As entrevistadas serán:

  • Natalia Costas Lago, enxeñeira en telecomunicacións e master en seguridade da información, xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) e os servizos de rede do Centro de Supercomputación de Galicia, ademais de participar en proxectos innovadores baseados nas TIC.
  • Susana Gómez Carnero, doutora en Enxeñaría Informática, directora executiva en Origami Soluciones, empresa de consultaría e desenvolvemento de solucións TIC.
  • Rebeca García Fandiño, doutora en Química, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e CSO en MD.USE Innovative Solutions, empresa adicada ao desenvolvemento de software científico e aplicacións educativas para Química a través da Realidade Virtual.
  • Lorena Otero Cerdeira, doutora en informática pola Universidade de Vigo, docente e Investigadora do LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada) da Universidade de Vigo. Membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, na que tamén preside a súa comisión de Igualdade.

 

Xornada de portas abertas

Xa pola tarde, desde as 17.30 ás 19.30 horas, haberá unha xornada de portas abertas con actividades para nenas de entre 10 a 14 anos que incluirá un obradoiro de Scratch, visitas guiadas ao corazón do Superordenador Finisterrae 2 e demostracións de impresión 3D, robótica e realidade virtual.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal