
Un ano máis, por desgraza, cómpre traballar a prol dunha meirande igualdade profesional entre homes e mulleres no ámbito das novas tecnoloxías: galego, estatal e internacional. De feito, non é só que o traballo das mulleres se visualice peor, que tamén, senón que a sociedade actual, tal e como está artellada (con múltiples elementos que espallan estereotipos e ideas discriminatorias en todos os recantos), fai que a presenza das rapazas nos estudos TIC sexa menor do que debera. Para facer visible este problema e emendalo na medida do posible celébrase cada ano o Día Internacional das Rapazas nas TIC, o Girls in ICT Day. A cita é este xoves 28 en Santiago. Organizan o CESGA e o CPEIG.
O evento a nivel internacional vén da man da entidade International Telecommunications Union (ITU). O seu obxectivo, con esta celebración, é “motivar as novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional”.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI), xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza a edición galega do Girls in ICT Day. Será no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Tamén colaboran na xornada as seguintes entidades: a Consellería de Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Facultade de Informática da UDC e Woman Emprende-USC.
Programa
Despois da benvida institucional a cargo da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a organización prevé un coloquio ás 11 da mañá desde centros educativos por multiconferencia con catro galegas destacadas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC. Segundo sinalan as entidades organizadoras, o alumnado participante interactuará con elas para coñecer máis sobre os seus respectivos eidos profesionais e as motivacións persoais para elixir unha outra carreira profesional. As entrevistadas serán:
Xornada de portas abertas
Xa pola tarde, desde as 17.30 ás 19.30 horas, haberá unha xornada de portas abertas con actividades para nenas de entre 10 a 14 anos que incluirá un obradoiro de Scratch, visitas guiadas ao corazón do Superordenador Finisterrae 2 e demostracións de impresión 3D, robótica e realidade virtual.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/girlsInTIC_0.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()