Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Edificio do Sergas

Galicia aposta por unha mellora da alfabetización sanitaria coa plataforma É-Saúde

  • O Servizo Galego de Saúde busca con esta ferramenta implantar novos modelos de comunicación cos pacientes e coa sociedade
  • Este proxecto abordouse cunha cofinanciación de Fondos Feder 
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/08/15 (12:46)

O Servizo Galego de Saúde está a traballar na Plataforma É-Saúde para a mellora da alfabetización sanitaria, que é a capacidade dos individuos para obter, procesar, comprender e aplicar a información sobre saúde e tomar así as decisións máis axeitadas en relación con ela.

En concreto, trátase dunha ferramenta tecnolóxica de personalización de servizos para o paciente, que fai que de forma ergonómica e dende calquera lugar e dispositivo (ordenador, móbil, tableta...) este poida acceder a servizos e contidos personalizados en función do seu perfil, tanto se é un paciente como se é un cidadán san que quere colaborar activamente na promoción da súa saúde e na prevención de enfermidades.

O Sergas pretende coa Plataforma É-Saúde desenvolver novos modelos de comunicación coa sociedade; impulsar a dispoñibilidade de canles de comunicación dixital; e propiciar unha actitude proactiva dos cidadáns, que permita conseguir servizos máis eficientes e cidadáns mellor informados, máis implicados e con un maior nivel de autonomía.

Para asegurar que a participación de pacientes fora activa e que se traducira en melloras para o proxecto, planificáronse 6 talleres sobre a Plataforma con representantes do Consello Asesor de Pacientes entre febreiro e novembro deste presente ano.

A Plataforma É-Saúde está actualmente en desenvolvemento e empezará a funcionar de forma piloto no último trimestre deste ano. Abordouse nun 80% con Fondos Feder, e o 20% restante foi aportado pola sanidade pública galega, dentro do marco e normativa das iniciativas H2050 e Innova Saúde e está relacionada co Fogar Dixital, outro dos proxectos que está a poñer en marcha o Sergas.

Funcionamento da plataforma
A Plataforma disporá de distintos niveis de acceso, mantendo a seguridade, a confidencialidade e o rigor necesarios ao uso que se queira facer da mesma. Calquera cidadán galego, previamente identificado, e cun máximo nivel de seguridade, poderá acceder á súa historia clínica, imprimir os seus informes de alta, probas radiolóxicas ou de analíticas.

De forma máis aberta, sen necesidade de identificación previa, os usuarios que o desexen poderán entrar na Plataforma e atopar páxinas web relacionadas cun determinado problema de saúde, así como acceder a fichas informativas, asociacións de pacientes, foros e chats de comunidades, toda a oferta formativa da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, vídeos sobre campañas sanitarias, etc.

A tecnoloxía 2.0 desenvolvida na Plataforma É-Saúde permitirá identificar as necesidades e intereses do paciente segundo o seu perfil, propoñendo material que poida ser do seu interese dacordo con buscas previas. A intención do Sergas é que o coñecemento xerado en calquera dos seus distintos departamentos, como guías, procedementos ou recomendacións para pacientes, sexan facilmente accesibles para os cidadáns galegos a través dun buscador.

Comunicarse con outros pacientes e con profesionais a través de comunidades virtuais e establecer alertas, recordatorios, metas e obxectivos de saúde para o coidado da súa propia saúde serán algunhas das actividades que poderán levar a cabo os usuarios dende calquera dispositivo electrónico.

A Plataforma estase levando a cabo por unha comisión de desenvolvemento liderada dende Servizos Centrais do Sergas, na que participan a Subdirección de Atención ao Cidadán e Calidade, a Dirección de Saúde Pública, a Dirección de Sistemas de Información e a Dirección de Asistencia Sanitaria, co soporte tecnolóxico da empresa adxudicataria do Proxecto a través de Procedemento Aberto (Hewlwtt Packard).

Doutra banda, existe unha Comisión Técnica, integrada por profesionais sanitarios do Sergas de diferentes ámbitos como profesionais médicos hospitalarios e de atención primaria, documentalistas do Sergas, enfermeiros, farmacéuticos, expertos en Metodoloxía da Calidade, e pacientes, como xa se mencionou, que están participando activamente neste proxecto.

Tema: General
Fuente: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal