Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Neno diante dun monitor xogando ao Minecraft.

As actividades extraescolares vinculadas ás novas tecnoloxías son as favoritas dos máis novos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/06/15 (13:28)

As TIC e as novas xeracións semellan combinar ben, sempre e cando a relación entre unhas e outras se leve a cabo con sentidiño. Así o indica o Primeiro Estudo sobre Extraescolares e Novas Tecnoloxías, elaborado por ConMasFuturo para toda España e para todas as Comunidades. Máis polo miúdo, os alumnos de Primaria e Secundaria de Galicia consideran máis atractivas as actividades extraescolares baseadas nas novas tecnoloxías que outras actividades de apoio á formación, segundo se conclúe dos datos da dita investigación. Deste xeito, en Galicia un 67% dos mozos e un 46% das mozas en Educación Primaria indica que, á hora de elixir unha actividade extraescolar, prefiren Minecraft, robótica ou desenvolvemento de videoxogos, en troques doutras como inglés, judo ou xadrez.

Asemade, segundo o estudo, o 78% dos mozos e o 64% das mozas que cursan estudos de Secundaria sinalan entre as súas extraescolares preferidas o desenvolvemento de aplicacións móbiles, a programación de páxinas web e a robótica, fronte a outras materias que nalgúns casos poden chegar a percibir coma un castigo.

O estudo baseouse nunha enquisa presencial e en liña realizada ao longo deste mes de maio, na que participaron 2.000 alumnos e alumnas residentes en España e que se levou a cabo co obxectivo de coñecer as súas preferencias á hora de elixir actividade extraescolar.

Os resultados deste estudo para toda España amosan que un 68% dos alumnos e alumnas de Primaria e até un 74% dos de Secundaria optarían, de poder elixir, por actividades extraescolares relacionadas coas novas tecnoloxías.

“Estas ferramentas acabarán sendo como o inglés, unha materia que hai anos poucos estudaban, pero que agora os nenos e nenas aprenden desde a infancia. As novas tecnoloxías baséanse nunha linguaxe que eles adquiren dunha forma natural, como montar en bicicleta ou patinar, e que lles permite acceder a un mundo cheo de posibilidades”, explica Antolín García, fundador de ConMasFuturo.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal