Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Juan Antonio Martínez Mera

Un software específico desenvolvido no CiTIUS mellorará os sistemas de detección de aneurismas na aorta

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/07/14 (12:16)

Unha tese doutoral realizada no CiTIUS permitiu o deseño, desenvolvemento e avaliación clínica dun novo sistema automático para a detección de alteracións na aorta torácica. O traballo de Juan Antonio Martínez Mera, que obtivo a máxima nota académica (sobresaliente Cum Laude), facilitará á comunidade médica a obtención de resultados clínicos interpretables de xeito totalmente automático, e grazas a esta nova ferramenta os especialistas poderán ver reducida a súa carga de traballo, axilizando así o proceso de diagnóstico e prevención.

A aorta é a arteria principal do corpo humano, o vaso sanguíneo de meirande importancia e tamaño encargado de transportar o sangue por todo o organismo, polo que o seu estudo e análise son de vital importancia na prevención de graves patoloxías asociadas. A máis común delas é o aneurisma, unha dilatación permanente nalgún punto da arteria que presenta un elevado risco de ruptura (74%), alcanzando unha alarmante taxa de mortalidade do 90% nos casos nos que esta chega a producirse.

Na actualidade, o diagnóstico dun aneurisma implica o uso dun software comercial, que calcula os diámetros normais da arteria buscando posibles alteracións. Non obstante, este sistema carrexa unha serie de inconvenientes: obriga o especialista a marcar distintos puntos manualmente (empregando para iso cando menos 20 minutos en cada caso) e condiciona o resultado final, que pode variar en función de onde sitúe o radiólogo os puntos de orixe; trátase, polo tanto, dun sistema cunha serie de limitacións, que fan imprescindible a intervención do especialista no proceso de análise arterial.

O traballo de Martínez Mera fixo posible o desenvolvemento dun software específico para este propósito, que libera o sistema da intervención manual: partindo de medicións clínicas sobre imaxes obtidas dos estudos médicos dun paciente real non só permite o diagnóstico, senón que brinda, ademais, a posibilidade de realizar un seguimento da patoloxía.

Tema: General
Fuente: Citius
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal