
Unha medida que foi posible grazas ao financiamento do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e que favorecerá que o número de chamadas atendidas se incremente en aproximadamente un 15% e que se diminúan os tempos de espera. "Trátase dun servizo totalmente gratuíto que está dispoñible as 24 horas o día os 365 días do ano" sinalou Jorge Sánchez, coordinador de SVIsual, quen afirmou que "a cifra de chamadas que recibe o servizo é elevada e aumenta cada ano, polo que era imposible cubrila co número de videointérpretes co que ata o momento contabamos no equipo".
SVIsual é a primeira plataforma de videointerpretación do país, posta en marcha en 2009 pola Fundación CNSE para garantir unha comunicación sen barreiras e unha maior autonomía das persoas xordas nas súas xestións diarias. "Permite a comunicación a distancia e en tempo real entre persoas xordas e persoas oíntes a través de videoconferencia, xa que conta con profesionais da interpretación da lingua de signos que aseguran a interlocución entre ambos os dous", explicou o coordinador de SVIsual, que engadiu que o servizo incorpora tamén "un chat para a comunicación por escrito".
Presente en todos os ámbitos
Ademais de para un uso persoal, SVIsual está presente en teléfonos como o 016 de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero, o de emerxencias 112 de Estremadura, e o 010 do Concello de Zaragoza, así como en servizos de atención telefónica e presencial de distintas entidades públicas e privadas. É o caso de comisarías da Policía Nacional de toda España, estacións de Renfe e de Adif, hospitais como o de Tudela (Navarra), La Ribera (Valencia) , Niño Jesús (Madrid), ou Fundación Jiménez Díaz (Madrid), por exemplo, e un crecente número de concellos, deputacións e administracións públicas de comunidades autónomas como Estremadura, Illas Canarias, Comunidade Valenciana, Galicia ou Cantabria. A elas súmanse empresas privadas do sector enerxético, aseguradoras ou hipermercados, entre outros.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9384.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()