
O Centro Cívico Monelos da Coruña, en colaboración con ACLAD (Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga), vai organizar os vindeiros días unha actividade divulgativa para mozas e mozos de entre 11 e 13 anos que busca capacitalas/os para inculcar usos racionais e seguros das novas tecnoloxías da información. O Taller de prevención e abordaxe de adicións dixitais [3] desenvolverase os días 23 e 25 de abril ás 16.30 horas, no devandito local social. A actividade, que é de balde, xorde como resposta aos crecentes datos que alertan sobre o emprego non axeitado das novas ferramentas e as súas consecuencias.
Farase, polo tanto, especial fincapé nos colectivos máis vulnerables (os menores) e nos principais problemas derivados do mal uso das TIC (acceso a contidos inadecuados, cesión de datos persoais, suplantación de identidade, ciberacoso, ciberchantaxes, etc). Dende ACLAD e o CCM sinalan que “é preciso establecer estratexias tanto de tipo preventivo como asistencial que aborden as devanditas consecuencias”. O taller tamén tocará temas como o uso-abuso-dependencia de TIC, a privacidade, a identidade dixital e a reputación en liña, o ciberacoso escolar, as prácticas do sexting e o grooming, a xestión da información e o acceso a contidos apropiados.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8462.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.coruna.gal/agora/es/detalle-suceso/taller-de-prevencion-y-abordaje-de-adicciones-digitales/suceso/1453648826593?argIdioma=gl