
Interpretar un plano pode resultar, en ocasións, unha tarefa complicada, especialmente para persoas con problemas de visión e invidentes. Un obstáculo que pode ser superado a través do teléfono intelixente e a aplicación móbil Maps Voice, creada para mellorar a accesibilidade a través da interpretación por voz dos planos.
Este servizo foi desenvolvido por Puntodis [3], dedicada a accesibilidade na comunicación, e os concellos de Benidorm e Getxo, así como Fitur, xa incorporaron a aplicación para ofrecer información turística dunha forma accesible á cidadanía. A aplicación, que funciona tamén para web, rompe tamén a barreira do idioma, xa que ofrece no seu menú ata 12 linguas.
Maps Voice fai posible que persoas invidentes, con discapacidade cognitiva ou persoas maiores, entre outras, poidan acceder á información que necesitan para moverse nunha cidade ou nun espazo que non coñece. “Facilítase a información adecuada ás características particulares de cada un posibilitando recibir a información como mellor conveña; ben lendo os textos ou ben escoitando unha locución no seu idioma”, sinala Jon Ibarra, xerente de Puntodis.
A dinámica de manexo da aplicación é moi sinxela; a través do escaneo do código QR inserido no plano, permítese ampliar a información do mesmo, dando a opción de lelo ou escoitalo. “O acceso á información é un dereito, hai que dar a posibilidade á persoa de recibir a información adecuadamente para que poida tomar decisións autónomamente“, apunta Jon.
Ademais de administracións locais que xa o utilizan para garantir a accesibilidade nas súas contornas, tamén as compañías poden utilizar o servizo, para ofrecer información dos seus planos de empresa e, a nivel xeral, para “transmitir unha información calquera a un colectivo de forma adecuada”, engade Jon.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8295.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://puntodis.com/