
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe por fomentar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre as empresas para que estas se convertan nun “referente social de prestixio” e xeren “valores engadidos”, o que “debe contribuír á mellora da sociedade en todo o seu conxunto”.
Así o destacou hoxe durante a inauguración da xornada “A responsabilidade social empresarial a través da discapacidade”, organizada por Cogami e Vodafone, que se está a celebrar na Coruña.
A titular do departamento autonómico lembrou que o Goberno galego deseñou o Plan estratéxico galego de responsabilidade social empresarial 2012-2014, que foi consensuado nas mesas do diálogo social. Esta ferramenta constitúe “unha aposta integral pola mellora das empresas galegas e o reforzo da súa competitividade a través dunha actividade socialmente responsable”.
Ao respecto, Mato fixo fincapé en que a RSE conleva avances positivos en aspectos como a conciliación, o respecto ao medioambiente, a saúde no traballo, ou a satisfacción e benestar dos traballadores e clientes.
Entre estes avances, salientou a integración laboral e social das persoas con discapacidade, aspecto no que se centra a xornada. Neste sentido lembrou que desde o departamento autonómico apóstase polo emprego como “principal ferramenta de inclusión de calquera persoa”.
A Consellería desenvolve varias vías de actuación neste eido, a través do fomento da orientación laboral, mellorando a súa empregabilidade a través da formación, incentivando a contratación, e financiando a actividade dos centros especiais do emprego. Así, a partida global destinada a programas de emprego para discapacidade, senón que se ten incrementado este ano nun 8 por cento ata alcanzar os 17,4 millóns de euros.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140513_Mato.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()