A Cátedra Feminismos 4.0, creada pola Deputación de Pontevedra e a UVigo para favorecer a investigación e o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de mulleres, ilustrando sobre as importantes contribucións das nosas tecnólogas, estreou un espazo web de seu para fomentar “a nova cultura dixital feminista [3]”.
O portal, presentado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañados pola directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez [4], achega información sobre proxectos de investigación, estudos, convocatorias, bolsas, premios e toda a información relacionada co Feminismo 4.0.
A web, que xa está accesible, xorde abeirada a unha cátedra que foi posta en marcha o curso pasado e renovada no mes de xullo e que “pretende promover o impulso de actividades de investigación e innovación feminista, moi particularmente, dando prioridade ao que ten que ver co estudo das carreiras STEM (polas siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), onde as mulleres estamos infrarrepresentadas”, explicaba a presidenta da Deputación. Ambas institucións amosáronse “preocupadas porque a matrícula de mozas” neste tipo de estudos segue descendendo, “cando son eidos claves no mundo actual e van ser indiscutiblemente prioritarios no futuro”. Tamén lembraron que dende a Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo estanse a desenvolver propostas que teñen por obxectivo fomentar a presenza feminina neste tipo estudos, como os premios GirlGeekCovid, que ofrecen un premio de 2.000€ e un accésit de 1.000€ en cada unha das ramas de ciencias e enxeñaría e para os que xa se presentaron 14 traballos (11 de enxeñeiras e tres de ciencias). Por outra banda, recordaron a posta en marcha da segunda edición das axudas de investigación en cuestións relacionadas coa igualdade, na que se seleccionaron seis proxectos. A presidenta tamén lembrou que se está a traballar na creación dun comité de sabias, “porque habelas hainas” e na segunda edición do Workshop: sociedade dixital e xénero, Hackeando o patriarcado.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10984.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://catedrafeminismos.gal/
[4] https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/catedra-depo-uvigo-estrea-espazo-web-fomentar-nova-cultura-dixital-feminista