
A Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano máis de 8,2 millóns de euros para axudas a entidades sen ánimo de lucro coa finalidade de que sexan destinadas á contratación de máis de 560 persoas en situación de desemprego.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas subvencións, que están dirixidas especialmente a colectivos que traballan a favor das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá. Terán que ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es [2].
En definitiva, estas axudas están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro co obxecto de proporcionarlles a experiencia práctica profesional necesaria para facilitar a súa inserción laboral.
Estas subvencións forman parte dos plans de cooperación da Xunta de Galicia. Este programa inclúe tamén axudas para os concellos para a contratación de persoas desempregadas co obxectivo de que desenvolvan obras ou servizos de interese xeral e social. Este ano poderán beneficiarse desta parte dos plans de cooperación máis de 1.850 persoas. A convocatoria destas axudas xa saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a principios do mes de maio.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[2] https://sede.xunta.es