
A operadora galega R vai ser unha das empresas colaboradoras de Pont-Up Store [3], a feira de emprendemento e innovación que se celebra en Pontevedra, con epicentro na praza de España, a partir do 18 de setembro. A compañía de cable, que acode ao evento co gallo de deixar constancia da súa aposta “pola cultura emprendedora en Galicia” (unha aposta da que abrollou unha aceleradora propia, DiCO Challenge [4]), estará presente en Pontevedra coas actividades do seu programa CreaR, o seu proxecto educativo, divulgador e dinamizador para a rapazada [5].
Ao abeiro disto, R achegará obradoiros de stop motion nos que, xogando, as nenas e nenos participantes aprenderán as bases da que sería, en palabras da operadora, “unha das técnicas de animación máis antigas da historia do cinema”. En paralelo e simultaneamente impartiranse as charlas didácticas dirixidas á xeración que non naceu na era dixital; pais, avós, titores e educadores.
As actividades serán o sábado 21 de setembro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Rúa Maestranza, 2). Haberá un obradoiro para nenas e nenos de 7 a 9 anos (e máis charla educativa) en horario de 10.00 a 12.00 horas, e un obradoiro para a rapazada de entre 10 e 12 anos (máis charla) en horario de 12.00 a 14.00 horas. O máximo de prazas é de 30.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10223.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://pontupstore.com/web/gl/
[4] http://www.startupsr.com/dico-challenge
[5] https://blog.mundo-r.com/gl/quecheparece/r-en-pont-up-store