A consultora no sector de Recursos Humanos Adecco elixiu como gañador do "Premio á Idea máis brillante de España" a Alfonso Zamarro, un galego de 22 anos, polo seu servizo "Dea Drones" de drons para emerxencias médicas na rúa "de maneira rápida e eficaz".
Zamarro, graduado en Administración e Dirección de Empresas, considera que este certame é "unha oportunidade e un apoio moi grande para a xente nova".
O seu proxecto foi elixido entre as 150 candidaturas que se presentaron ao concurso e o galardón, recibido o pasado venres no Congreso Mentes Brillantes, está dotado de 10.000 euros para impulsa-lo seu proxecto "Dea Drones". "É o pistoletazo de saída aínda que o éxito dependerá da paixón que lle poña ao proxecto", declarou.
Ademais o xurado, composto por consultores de Adecco e expertos, escolleu xunto ao gañador a outros catro finalistas: Javier Lafuente, de Málaga co seu "GPS para invidentes", unha aplicación que axudará a localizar e guiar aos invidentes; Pedro Henrique, de Madrid, e o seu "Urban Roosters", unha plataforma para que os amantes do rap poidan desde escoitar música até competir; Luís Antonio Martín, de Zaragoza; quen presento "Gluco", unha pulseira para diabéticos que os avisará constantemente do nivel de glicosa en sangue; e Juan Martín Sainz, madrileño, polo seu proxecto "Talentank", unha ferramenta que une a demandantes de emprego e empresas que poidan encaixar.
Segundo Adecco, o interese por este premio foi tal que, desde o pasado 2 de outubro, data na que se abriu a convocatoria, a compañía recibiu máis de 125 candidaturas e os vídeos dos participantes recibiron máis de 7.000 reproducións.
Regístrate como: