Os integrantes do grupo informal Tecnoxove de Ribadumia (Pontevedra) instalaron códigos QR informativos adaptados a persoas con discapacidade e pictogramas adaptados a persoas con autismo na coñecida como ‘Ruta dos Muíños’, na marxe do Río Umia, na parroquia de Barrantes. Deste xeito, cada vez que os visitantes desta ruta escaneen coa cámara do móbil os códigos, emitirase un arquivo de audio con información específica de cada lugar.
Esta iniciativa forma parte do proxecto “Mentes creativas”, que está avalado polo programa de fomento da participación xuvenil ‘Iniciativa Xove’ da Consellería de Traballo e Benestar. Ademais dos códigos QR, o proxecto deste grupo tamén permitiu que mozos e mozas de Ribadumia participasen nunha plataforma de xogos de intelixencia a través de Internet e colaborasen coa asociación ‘Por Dereito’ para a integración de persoas con autismo.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe esta iniciativa. Rodeiro destacou que na comarca do Salnés Iniciativa Xove financia este ano un total de 8 proxectos de mozos e mozas, cun investimento superior aos 26.000 euros.
Para Rodeiro, “Iniciativa Xove funciona como unha escola de cidadanía activa, xa que permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos”. Ademais, o director xeral destacou que con este programa “a administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas”.
O mesmo permite sufragar ata o cen por cen das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 4.000 euros.
Todas as entidades e grupos aos que se lles concedeu a axuda e o solicitasen, recibiron un anticipo do 80% sobre o total da mesma. Isto permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.
Con esta liña de axudas preténdese fomentar a participación da mocidade, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en practica as súas ideas relacionadas co lecer, a comunicación e as novas tecnoloxías, así como ensaiar novas propostas relacionadas co emprendemento e a empregabilidade.
Regístrate como: