Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Momento do obradoiro.

Os centros educativos de Ferrolterra mergúllanse no uso responsable das TIC

Versión para impresiónSend by email
Fene, 31/01/19 (12:34)

Concello de Fene está a realizar obradoiros divulgativos nos centros educativos para fomentar o uso racional responsable das novas tecnoloxías. As actividades, que veñen da man da Concellería de Benestar Social e Igualdade, desenvólvense baixo o epígrafe Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC. As sesións comezaron este mes de xaneiro e prolongaranse ata febreiro. O programa, amais de Fene, tamén está a abranguer os colexios e institutos de Neda e Mugardos, coa participación activa de cadanseu Goberno local.

Segundo informa o Concello de Fene, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira (11 e 18 de xaneiro e 1 de febreiro); CEIP Centieiras (23 de xaneiro e 6 de febreiro); Jorge Juan (24 e 31 de xaneiro); IES Fene (8 de febreiro) e CEIP O Ramo (12 de febreiro). Como complemento das sesións co alumnado tamén están previstas sesións para as familias naqueles centros escolares nos que exista demanda e se reúna a un grupo superior ás dez persoas. Segundo informan os impulsores do programa divulgativo común, este ten a súa base na necesidade de difundir o emprego en positivo das novas tecnoloxías da información e de Internet, “instrumentos clave na vida diaria das persoas, das súas relacións sociais, familiares, laborais, educativas, etc”.

Porén, é unha realidade que o mal uso destas ferramentas achega unha serie de riscos a ter en conta, sobre todo para a xuventude. “Utilizadas axeitadamente representan unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento e a comunicación, pero tamén implican riscos que é necesario coñecer e saber previr”, engade a Concellería de Benestar Social de Feme, explicando que “a través destes obradoiros, trátase de informar e formar ao alumnado no uso sensato e responsable das redes”. Os obradoiros están dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de Secundaria e con eles búscase “proporcionar ao alumnado contornas de uso saudable e boas prácticas en TIC; fomentar a identificación, prevención e control dos riscos e situacións de acoso nas redes; a elaboración dunha guía didáctica en soporte dixital dirixida á prevención de adiccións dixitais; promover accións informativas e formativas en colaboración coas ANPAS e proporcionar pautas educativas de uso responsable das novas ferramentas”. Os obradoiros inclúense no programa Saúde na Escola que impulsan os Concellos de Fene, Mugardos e Neda coa colaboración da Consellería de Sanidade.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal