Preto de 200 mozos e mozas poderán participar durante as fins de semana do mes de outubro na provincia de Lugo nas actividades ofertadas a través de Xuventur 2018, o plan de educación non formal impulsado por Turismo de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que combina programación de lecer saudable con estadías de fin de semana en establecementos situados en entornos rurais.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou que tres dos oito programas organizados na comunidade terán como destino a provincia e desenvolveranse na Mariña, Os Ancares e O Courel. “Esta iniciativa ofrece á xente nova a oportunidade de coñecer as posibilidades do turismo como un dos motores de desenvolvemento do medio rural”, destacou Balseiro. O investimento da Administración autonómica para levar a cabo este programa na provincia será de 40.200 euros.
O fío condutor da programación son os recursos naturais. As estadías perseguen que a xuventude galega coñeza a riqueza natural, cultural e patrimonial da comunidade, con actividades que promovan a educación ambiental.
O programa na Mariña de Lugo está centrado no ecoturismo e incluirá rutas de sendeirismo nocturnas, visitas guiadas polo interior das Covas do Rei Cintolo, visita á praia das Catedrais e ao porto de Rinlo, un percorrido cultural por Mondoñedo e Ribadeo e observación de aves na ZEPA (zona de protección para aves) na ría de Ribadeo.
Nos Ancares desenvolverase o programa de emprendemento na zona rural e novas tecnoloxías, con base en Cervantes. Haberá actividades relacionadas coa conformación de prototipos ambientais de base turística, creación de roteiros audiovisuais ou orientación nun espazo natural de referencia.
O Courel acollerá a iniciativa Estadías creativas, unha inmersión no medio natural a través da creatividade, con obradoiros de diversas disciplinas, como creación audiovisual, performances, artes escénicas, danza e creación literaria, entre outras actividades.
O programa é gratuíto e está dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 anos. Inclúe aloxamento en establecementos turísticos situados no medio rural, manutención completa dende a cea do venres ata o almorzo do domingo e programa de actividades. O prazo de inscrición está aberto e as persoas interesadas poden obter información e tamén inscribirse a través das páxinas web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a de Turismo de Galicia.
Regístrate como: