A asociación de educación especial Santísimo Cristo do Amor, con base no Porriño, está a desenvolver unha iniciativa que se dirixe a impulsar o importante talento que atesouran os membros da asociación. E faino familiarizándoos cos xogos virtuais. Segundo explican os responsables do proxecto Autónoma-Mente, do que se trata é de fortalecer as súas altas capacidades funcionais, as cognitivas, as físicas e as sociais.
O programa conta co apoio da Obra Social La Caixa, que achega financiamento. Segundo explica a entidade porriñesa de educación especial, os videoxogos e as realidades virtuais teñen un gran potencial na estimulación cognitiva, sobre todo nos eidos da atención, a comprensión e a memoria. O devandito conséguese mediante a plataforma de recuperación, estimulación e adestramento web NeuroUp e, tamén, a través de ferramentas específicas e individualizadas que proporcionan datos sobre as capacidades diversas de cada usuario, recompilando información de valor ao longo das distintas accións desenvolvidas.
No proxecto están a participar máis dun centenar de persoas de todas as idades, dende crianzas a persoas maiores, tanto na propia sede da asociación como dende os seus fogares, complementando o aprendido nas sesións presenciais. Polo que respecta aos xogos, hainos dirixidos a fomentar a interacción persoal a especial dende o computador e tamén se están a probar sistemas como Sensory Eye, moi axeitado para persoas con mobilidade limitada, e que permite manexar un computador coa vista e darlle todo tipo de ordes.
Regístrate como: