Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Unha muller maior utiliza o mando da televisión.

Etiquetas intelixentes para a independencia de persoas maiores e con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 19/01/18 (11:21)

En moitos casos, tanto de persoas maiores como de persoas con algúns tipos de discapacidade, é posible conseguir unha independencia na vida cotiá se se mantén algún tipo de control por parte de familiares ou persoas próximas.

Este ‘control' pódese exercitar de moitas maneiras, algunhas máis invasivas e outras máis respectuosas coa vida privada de cada un. Unha destas maneiras é a utilización de sistemas para o control das rutinas, de maneira que non é necesario que o familiar ou amigo coñeza en todo momento o que a persoa está a facer, pero si que poida detectar algunha anomalía na realización das tarefas rutineiras.

Con esta idea naceu a empresa cordobesa Beprevent que desenvolveu unha serie de etiquetas intelixentes que colocadas sobre obxectos de uso cotián poden informar sobre o cumprimento das devanditas rutinas.

Por exemplo, a etiqueta pódese colocar no armario do café para saber se almorzou e a que hora, no mando da televisión para saber se estivo utilizándoa, ou nas chaves de casa para saber se saíu.

Estas primeiras etiquetas estaban pensadas principalmente para persoas maiores e agora Beprevent anunciou que lanzou unha segunda versión máis avanzada pensada tamén para persoas con algún tipo de discapacidade cognitiva e que precisen este tipo de atención para a súa vida independente.

As etiquetas colócanse sobre calquera obxecto e a través de distintos sensores informan aos familiares sobre o seu uso. Ademais das etiquetas, a información pasa por un aparello, similar a un router que se coloca no fogar do usuario, e chega aos familiares mediante unha aplicación totalmente personalizable coas rutinas do usuario.

Un dos grandes obxectivos é lograr que cada día máis persoas maiores e con discapacidade poidan vivir unha vida independente, e desenvolvementos como estas etiquetas poden ser en moitos casos unha grande axuda para logralo.

Tema: General
Fuente: Tecnobility
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal