Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Cartel do evento.

A nosa comunidade desenvolvedora xúntase esta finde co gallo do DevFestGalicia

Versión para impresiónSend by email
Pontevedra, 12/12/17 (10:15)

Este vindeiro sábado celebrarase a conferencia informática DevFestGalicia, organizada polos Google Developer Groups de Galicia (CDG Ourense, CDG Santiago e CDG Vigo) na Facultade das Ciencias Sociais e Comunicación no Campus de Pontevedra. A xornada, que conta coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra e a propia empresa Google, está patrocinada por Optare Solutions e o Centro Tecnolóxico Gradiant. A previsión é a de xuntar máis de dez expertos en tecnoloxía, co fin de compartir coñecementos arredor de cuestións tan candentes como a Intelixencia Artificial, o posicionamento en buscadores, a marca persoal, o desenvolvemento web, a linguaxe Scala, a nube de Google, ou o desenvolvemento móbil. 

A cita xa conta con conta con máis de 150 persoas inscritas e con capacidade para 300 asistentes. A entrada será de balde e o público, segundo informan os grupos organizadores, gozará de conferencias, obradoiros, xantar e espazos para traballo en rede. A xuntanza, amais dos devanditos temas, acollerá charlas sobre a importancia da diversidade no sector tecnolóxico, e as últimas tendencias en desenvolvemento para tecnoloxías web e móbil. “O obxectivo deste evento é reunir aos integrantes da comunidade galega para proxectar o talento local a nivel nacional”, sinalan os organizadores do evento. Entre os relatores cómpre salientar figuras referenciais no ámbito tecnolóxico galego, estatal e mundial, como Carlos Azaustre, developer relations en Google; Paola García, directora executiva e co-fundadora de Chefly; Antón M. Rodríguez, director técnico en Optare Solutions; ou Ana Cidre, desenvolvedora independente e fundadora de GalsTech, grupo de mulleres galegas en tecnoloxía.

Ademais, as conferencias contan coa participación de Google Developer Experts, expertos recoñecidos por Google polo seu labor no desenvolvemento e difusión da tecnoloxía, como Abdón Rodríguez, desenvolvedor vigués de IBM Research. O evento, ademais, ten un marcado compromiso a prol da visibilidade do papel da muller no ámbito da programación e o desenvolvemento informático, tal e como se mostra ao contar coa presenza de importantes expertas en tecnoloxías como Paola García, Ana Cidre ou Noelia Luaces, entre outras. O obxectivo é “romper cos mitos que perpetúan o feito de que menos dun 15% de mozas se matriculen en Informática na nosa comunidade”, afirman os organizadores do DevFest Galicia.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal