Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Cartel do programa.

Concello, USC e CESGA mostran nos coles o gran labor das nosas investigadoras

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 03/10/17 (09:53)

Imos ter, estes días, nova edición do programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago e o Concello de Santiago a través do Departamento de Igualdade, no que participaban os colexios composteláns. Nesta nova entrega, que novamente busca visualizar no ámbito docente o traballo de enxeñeiras e científicas locais (co fin de espertar vocacións STEM entre as estudantes e contribuír a derrubar a falsa crenza de que a ciencia e a tecnoloxía non son aptas para elas), participan o CEIP López Ferreiro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Pío XII, o CEIP Raíña Fabiola, o CEIP de Roxos e o CEIP de Vite. O programa, que inclúe obradoiros para o alumnado de quinto de Primaria, volverá contar coa presenza activa de investigadoras da Universidade de Santiago (por exemplo do CiTIUS) e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)

Entre as relatoras atópanse Natalia Costas e Mª José R. Malmierca, do CESGA, que concorren co obradoiro Falando cos superordenadores. Nesta sesión, “de forma lúdica e práctica”, levaranse a cabo varias experiencias de uso da programación básica e a súa interacción con microcontroladores e diversos compoñentes externos. Tamén traballará no programa a profesora María Jesús Taboada Iglesias da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC, que falará do significado da intelixencia. E tamén intervirá, entre outras, a profesora Eva Cernadas, do Departamento de Electrónica e Computación da USC e investigadora do CiTIUS (este 4 de outubro no Pío XII para mostrar as aplicacións da informática visual na bioloxía). 

Como sinalamos por estas mesmas datas o ano pasado, a iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole ten como principal obxectivo dar a coñecer ás enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tradicionalmente asociadas ao mundo masculino. Na anterior edición desenvolvéronse unha vintena de obradoiros onde se mostrou a relación da ciencia e das tecnoloxías coa nosa vida cotiá co fin de achegar ao alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico. 

As temáticas foron moi variadas: programación, supercomputadores, física divertida, xogos coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras e as encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da Universidade de Santiago e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal