No curso 2017/2018 deuse un paso máis dentro do programa #ASPACEnet da Fundación Vodafone España e a Confederación ASPACE, cunha forte aposta pola innovación no desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías ao mundo da parálise cerebral. Os dez proxectos seleccionados teñen como obxectivo común explorar as posibilidades das tecnoloxías de control seleccionadas por cada unha das entidades nos seus proxectos, a través dos profesionais, para posteriormente poder aplicalas na vida diaria das persoas con parálise cerebral e aumentar a súa participación social, mellorar a súa autonomía e calidade de vida, así como dar maior visibilidade do colectivo.
ASPACE Coruña, ASPACE Navarra, ASPACE Salamanca, AVAPACE, ASPACE León, ASPACE Guipúscoa, Fundación o Maresme, ASPACE Granada, Fundación L´ Espiga e ASPACE Barcelona son as dez entidades que desenvolverán os seus proxectos de innovación grazas a esta convocatoria. Os proxectos seleccionados poñerán en marcha propostas moi variadas como o uso de elementos robóticos para o control de instrumentos musicais, o control de vivendas adaptadas, de utensilios de cociña ou de xardinería, ou o desenvolvemento de videoxogos inmersivos para a rehabilitación específica de persoas con parálise cerebral.
Así mesmo, con esta convocatoria preténdese favorecer a implantación dunha nova liña de traballo que conte co compromiso total das entidades implicadas, para impulsar estratexias conxuntas de comunicación e así aumentar a presenza das persoas con parálise cerebral na sociedade. Ademais, espérase que con estes novos proxectos a tecnoloxía se faga aínda máis accesible e se poidan resolver problemas concretos que dean solucións a numerosas persoas.
Entre os obxectivos para cumprir con estes novos proxectos están o de crear sinerxias, innovar e favorecer que todas as persoas poidan obter resultados persoais valiosos, grazas ao apoio da tecnoloxía.
#ASPACEnet é un proxecto que a Fundación Vodafone España e a Confederación ASPACE puxeron en marcha en 2011 e que ten como misión mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía.
Mais información en:
Regístrate como: