Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Moza usando ordenador.

Narón introduce aos seus escolares na robótica e na programación

Versión para impresiónSend by email
Narón, 07/06/17 (11:20)

O Concello de Narón, a través da Concellería de Novas Tecnoloxías, vén de convocar unha nova acción formativa abeirada ao programa municipal Indi-Informática Divertida, destinado, como o seu propio nome indica, a potenciar a educación dixital nas crianzas a través do lecer e as actividades lúdicas. A nova acción é o obradoiro Programación e robótica educativa, e foi presentada o pasado 3 de xuño pola concelleira Natalia Hermida. A edil fixo saber que as sesións van dirixidas a un total de quince rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o vindeiro 23 de xuño. As clases (un total de 70 horas) desenvolveranse na Aula CeMIT de Xuvia, desde o 3 até o 31 de xullo, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30.

En relación aos contidos, inclúen unha iniciación á programación de videoxogos, formación sobre como crear blogs para nenas e nenos e sobre creación de banda deseñada dixital e unha introdución á Hora do Código (acontecemento internacional que consiste na introdución ás ciencias da computación, deseñada para amosar que todo o mundo pode aprender a programar e comprender os fundamentos desta disciplina). A edil de Novas Tecnoloxías destacou o éxito que tivo a anterior edición desta acción formativa celebrada tamén o ano pasado, para a que se esgotaron as prazas e que, sinalou, “valoraron moi positivamente os nenos e as nenas que asistiron unha vez que rematou”. E engadiu, animando á veciñanza a participar nas sesións: “O mundo da robótica esperta o interese de moitos rapaces e rapazas que gozan coas novas tecnoloxías e que terán a oportunidade de aprender a crear un videoxogo, un blog ou cómics dixitais, entre outras propostas”. Natalia Hermida explicou que esta mesma acción formativa ofrécese desde o Concello ás parroquias da zona rural (Sedes, Pedroso, Castro, Doso, O Val, San Mateo e San Xiao), nas que se impartirán as clases cando se forme un grupo cun mínimo de asistentes. As inscricións neste caso, dixo, “xestiónanse a través das respectivas entidades veciñais nos seus locais sociais”.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal