Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Logo CODIX.

Preto de 200 persoas examínanse esta semana para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Amtega

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 31/05/17 (20:30)
  • Os exames presenciais celébranse os días 1 e 2 de xuño nas aulas CeMIT de 18 concellos de toda Galicia
  • Están orientadas a aquelas persoas matriculadas no curso de teleformación titorizado que se vén desenvolvendo dende o mes de febreiro
  • Neste mes de xuño publicarase unha nova edición deste curso con 180 novas prazas, e cuxo inicio está previsto para o mes de setembro
  • Este certificado, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

 

Un total de 180 persoas participarán mañá xoves, 1 de xuño e o venres, 2 de xuño, nas probas de avaliación presenciais para  obter a certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 15 de marzo, pon fin á actividade formativa que se desenvolveu nos últimos tres meses e na que estes alumnos puideron resolver dúbidas e obter os coñecementos necesarios  das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.

As persoas admitidas poden consultar na plataforma de teleformación do CeMIT, na que realizaron o curso (http://cemit.xunta.gal/ema) a súa data de exame asignada, centro e hora, así como as instrucións para a realización das probas. O exames terán lugar nas aulas CeMIT de 18 concellos de Galicia, elixidos atendendo as localidades de orixe do alumnado para evitar desprazamentos innecesarios.

 

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos  do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na  Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia  e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.es/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo.

 

Preto de 1.500 prazas convocadas para este ano  2017

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, que terá a súa continuación no segundo semestre cun novo curso de teleformación titorizada que se publicará no DOG na primeira quincena de xuño (con inicio previsto para o mes de setembro) e novos exames presenciais en outubro, ata chegar a un número superior ás 1.400 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

 

Tema: General
Fuente: AMTEGA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal