Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Samsung e o MECD presentan o proxecto 'Asignatura Empatía' contra o acoso escolar.

Samsung e o MECD presentan o proxecto "Asignatura Empatía" contra o acoso escolar

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 02/03/17 (12:52)

Coincidindo coa celebración da feira educativa AULA, Samsung e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD) presentaron o proxecto 'Asignatura Empatía', desenvolvido conxuntamente no marco dun convenio de colaboración entre ambas as entidades para loitar contra o acoso escolar.

A primeira acción deste proxecto foi a produción dun vídeo de realidade virtual que recrea un caso de 'cyberbullying' (ciberacoso) entre adolescentes nun centro educativo e a súa resolución polos propios alumnos. O vídeo está realizado seguindo códigos de comunicación afíns aos alumnos do século XXI, onde se integra o mundo real e dixital, seguindo códigos de linguaxe cos que senten identificados.

'Asignatura Empatía' pretende concienciar sobre o problema do acoso nas aulas e reducilo implicando aos alumnos na resolución do problema, como explica Samsung nun comunicado. Grazas á experiencia inmersiva en realidade virtual con Samsung Gear VR, conséguese un maior grao de concienciación e empatía coa dor da vítima, incentívase a acción do grupo e promóvese un cambio de actitude.

Este proxecto inclúe un estudo que medirá o grao de concienciación sobre o acoso escolar. Levarase a cabo entre mil alumnos de 1º de Educación Secundaria desde marzo a xuño de 2017.

 

"Cyberbullying"

O 70 por cento dos escolares de 15 anos en España estivo implicado, xa sexa como vítima ou como acosador, nun episodio de 'bullying' na aula, e un de cada catro casos de acoso escolar está relacionado co uso das novas tecnoloxías.

O teléfono móbil é, de feito, a ferramenta de acoso e intimidación máis habitual entre os adolescentes, con agresións como os insultos (62,6 %), as ameazas (24,3 %) e a difusión de fotos e/ou vídeos comprometidos (20,9 %). A franxa de idade de entre 13 e 17 anos é a máis crítica, xa que é cando se dan nove de cada dez casos. As mozas, que sofren o 70 por cento dos casos de acoso, son as principais vítimas.

Samsung desenvolve un plan de concienciación sobre o 'cyberbullying' en colaboración co CNIIE (Centro Nacional de Innovación e Investigación Educativa). O obxectivo desta colaboración é construír espazos de convivencia respectuosa entre alumnos en colexios e institutos, apoiándose en modelos de actuación que tiveron gran éxito nos países nórdicos, que teñen en conta non só á vítima e ao acosador, senón tamén aos demais compañeiros que participan como 'espectadores' na agresión, así como no potencial da tecnoloxía para o desenvolvemento persoal dos nenos.

 

Realidade virtual

A peza rodada en realidade virtual sobre un caso de acoso escolar reflicte que tanto o problema como a solución xorden do propio grupo de nenos. O seu propósito é concierciar aos espectadores xa que, segundo estudos realizados, o proceso de aprendizaxe que se produce a través dunha visualización en realidade virtual é dun 90 por cento, fronte a un 5 por cento que se consegue tan só coa lectura.

A historia está narrada desde o punto de vista dun dos alumnos testemuñas do acoso a outro compañeiro e inclúe elementos familiares para os adolescentes como os seus avatares e nicks en redes sociais.

A través da narración demóstrase que o segredo contra o acoso escolar está no grupo. Ademais, a tecnoloxía, lonxe de ser unha ferramenta nociva polo mal uso que fan dela os acosadores, convértese nunha aliada excepcional para acabar con este tipo de comportamentos.

Este vídeo que se presentou en Aula é o punto de partida dun estudo que vai realizar Samsung, en colaboración co MECD e as comunidades autónomas que se adhiran ao convenio, sobre aproximadamente mil nenos que estudan 1º da ESO (13 anos) de toda España.

Tema: General
Fuente: lainformacion.com
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal