Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Presentación de Máis Social.

A Fundación Barrié estende a toda España o seu programa Máis Social

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 27/01/17 (09:43)
  • O programa desenvolvido con gran éxito en Galicia, vai da man de seis confederacións nacionais
  • O programa Máis Social, que a Fundación Barrié desenvolve en Galicia desde 2011 ten como obxectivo primordial a sustentabilidade económica das entidades sociais mediante a mellora da súa xestión directiva.
  • Dados os positivos resultados en Galicia a Fundación Barrié esténdeo agora a toda España a través dun programa piloto no que participarán seis confederacións de ámbito nacional: CEAFA (Confederación Española de Alzheimer), CONFEDERACIÓN ASPACE (Confederación Española de organizacións de atención a persoas con parálise cerebral e afíns), FEDER (Federación Española de enfermidades raras), FEDACE (Federación española de dano cerebral), CONFAE (Confederación Asperger España) e REDE ARAÑA (Rede Española de entidades para o emprego).
  • O programa incluirá diferentes apoios e servizos, entre eles un programa formativo, o desenvolvemento e implementación de páxinas web corporativas a partir do prototipo Máis Social Conecta, servizos de consultoría e a Xornada Social Venture Academy orientada ao adestramento na presentación de proxectos a posibles financiadores.
  • A Fundación Barrié, unha fundación privada galega que cumpre 50 anos, traballa nas áreas de de Educación, Ciencia, Acción Social, Cultura e Patrimonio. O investimento nos seus programas, desde a súa constitución, é de máis de 400 millóns de euros.
  • Con este programa a Fundación Barrié reafirma o seu profundo compromiso co Terceiro Sector Social apoiado desde as súas orixes. Entre a súa implementación en Galicia e a fase piloto da súa expansión nacional, o investimento en Máis Social é preto aos 3 millóns de euros.

A Fundación Barrié presentou, na Casa de Galicia de Madrid, a extensión nacional do programa Máis Social, un programa pioneiro no ámbito social que se iniciou no ano 2011 e que ten como obxectivo primordial a sustentabilidade económica das entidades sociais mediante a mellora da súa xestión directiva.
 
No acto participaron José María Arias, presidente da Fundación Barrié; Juan Carrión, presidente da Federación Española de Enfermidades Raras; Jaume Marí, presidente da Confederación Aspace; Luciano Fernández, presidente da Federación Española de Dano Cerebral e D. Domingo Aceves, vicepresidente da Confederación Española de Alzheimer, que representan a catro das seis confederacións que participarán no programa piloto da extensión nacional de Máis Social. Todos eles estiveron acompañados tamén por José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia. Ao acto asistiron ademais, representantes da Confederación Asperger España e a Rede Española de Entidades polo Emprego, recentemente incorporados ao programa.
 
A Fundación Barrié estende así Máis Social fóra de Galicia enfocando o Programa cara a confederacións nacionais, ás que se ofertarán os seguintes instrumentos de apoio que promoven un modelo de crecemento sustentable:
 

  • PROGRAMA FORMATIVO

Integrado por cinco módulos nos que se abordarán temas de estratexia e liderado orientado a resultados, comunicación e márketing, captación de fondos, xestión de proxectos e xestión de persoas, que se complementarán con xornadas de experiencias nas que participarán entidades das diferentes confederacións.

  • WEB MÁIS SOCIAL CONECTA

Desenvolvemento da web corporativa a Confederacións de acción social, que abarcará o deseño, montaxe e instalación de cada nova páxina, así como o asesoramento na elaboración de contidos, formación para a autoxestión da web e difusión dentro e fóra do Terceiro Sector, coa participación da empresa Edisa como socia nesta parte do programa.

  • CONSULTORÍA

Dirixida á realización dun plan de acción que axude a mellorar a comunicación interna das confederacións participantes con todas as súas entidades federadas.

  • SOCIAL VENTURE ACADEMY

Xornada orientada ao adestramento na presentación de proxectos a posibles financiadores e que pretenden complementar cun evento de captación de fondos. 
 
O programa formativo e a implementación de web realizaranse durante este ano 2016. En 2017 levará a cabo a consultoría, o Social Venture Academy e o evento de captación de fondos.
 
O orzamento estimado para o desenvolvemento completo deste programa piloto ascende aproximadamente a 700.000 euros. Todos os servizos ofertados terán carácter gratuíto para as confederacións participantes, que só deberán cubrir os seus gastos de desprazamento, se os houbese, ás actividades e eventos que implica o programa e que se desenvolverá en Madrid.
 
 
Entidades participantes na fase piloto

  • CEAFA (Confederación Española de Alzheimer)
  • CONFEDERACIÓN ASPACE (Confederación Española de organizacións de atención a persoas con parálise cerebral e afíns)
  • FEDER (Federación Española de enfermidades raras)
  • FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral)
  • CONFAE (Confederación Asperger España)
  • REDE ARAÑA (Rede Española de entidades para o emprego) 
 
A Fundación Barrié

A Fundación Barrié é unha fundación privada galega, creada en 1966 polo empresario Pedro Barrié da Maza co obxectivo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico e cultural de Galicia a través de programas nas áreas de Educación, Ciencia, Acción Social, Cultura e Patrimonio e cun investimento, desde a súa constitución, de máis de 400 millóns de euros.
 
Os programas na área de Acción Social obedecen a catro estratéxicas e mostran un sólido compromiso da Fundación co terceiro sector: profesionalización do terceiro sector (onde se encadra Máis Social); reinserción social; prevención social e apoio a iniciativas sociais.

Tema: General
Fuente: Fundación Barrié
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal