Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Firma do convenio entre a Fundación ONCE e Irisbond.

Fundación ONCE e Irisbond asinan un convenio para mellorar a contorna laboral de persoas con discapacidade

  • A tecnoloxía de Irisbond permite comunicarse e controlar as funcións habituais dun computador a través do movemento dos ollos
Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 01/12/16 (15:03)
A Fundación ONCE e Irisbond subscribiron este martes un convenio de colaboración polo que a empresa de sistemas de comunicación baseados en tecnoloxía ‘Eye Tracking' cederá unha das súas solucións a empregados da entidade da ONCE durante un tempo para que poidan probar a súa eficacia no posto de traballo.
 
O convenio asinárono José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, e Eduardo Jáuregui Torrecilla, fundador e conselleiro delegado de Irisbond, co obxectivo de desenvolver un proxecto sobre a empregabilidade dos cidadáns con discapacidade, tendo en conta as condicións de accesibilidade na contorna e no posto de traballo.
 
Tras a rúbrica do acordo, Donoso sinalou que a Fundación ONCE confía en que as ‘startup' melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade, polo que non poden deixarse de lado á hora de promocionar a inserción laboral deste colectivo. “A Fundación ONCE sempre se dedicou a fomentar a integración laboral das persoas con discapacidade e é consciente de que para que sexa efectiva debe apoiarse nas tecnoloxías”, concluíu o seu director xeral. 
 
Pola súa banda, Jáuregui afirmou que “a firma deste convenio é unha gran satisfacción xa que supón colaborar, de modo moi próximo e intenso, cunha das institucións que máis experiencia ten e máis traballa no ámbito da discapacidade”.
 
En concreto, o acordo establece que Irisbond habilitará o posto de traballo dun profesional da Fundación ONCE afectado por limitacións motoras para que poida desempeñar o seu labor grazas á tecnoloxía Irisbond accedendo e controlando o computador mediante o movemento dos seus ollos. Durante un período de proba, a Fundación ONCE e Irisbond traballarán conxuntamente para validar a solución e extrapolar os resultados no marco dun proxecto máis ambicioso que pretende impactar positivamente na empregabilidade das persoas con algún tipo de discapacidade. 
 
Esta tecnoloxía é de especial utilidade para persoas con dificultades na fala e/ou mobilidade nas extremidades superiores, xa que lles posibilita levar unha comunicación autónoma a través do computador.
 
Na actualidade, máis de 500 usuarios, en media ducia de países, utilizan a tecnoloxía de Irisbond para comunicarse e para controlar as funcións habituais dun computador (escribir e enviar correos electrónicos ou whatsapp, ler, ver unha película ou escoitar música, participar en redes sociais, etc.) a través do movemento dos seus ollos.
Pola súa banda, Fundación ONCE comprométese a informar a Irisbond dos resultados técnicos deste sistema e a incluílos no seu proxecto de investigación para a mellora da empregabilidade de persoas con discapacidade tendo en conta as condicións de accesibilidade.
 
O proxecto ‘investigación para a mellora da empregabilidade de persoas con discapacidade tendo en conta as condicións de accesibilidade' que está a levar a cabo a Fundación ONCE pretende identificar solucións que melloren as condicións de accesibilidade, tanto do posto como da contorna laboral, de persoas con discapacidade que teñen grandes limitacións para o desempeño do seu posto de traballo ou para incorporarse nun medio laboral ordinario.
Tema: General
Fuente: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal