A Fundación ONCE lanzou o segundo capítulo da miniserie animada "ON Fologüers". Nesta ocasión a súa protagonista é Laura, unha moza cega que tratará de conseguir que Adolfo "se desenganche" das redes sociais este verán.
A serie, que se distribúe a través de Internet e redes sociais, pretende promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela.
"A discapacidade non é a protagonista", segundo explicaba José Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, o día da súa estrea. "Quixemos mostrar a discapacidade sen que se fale dela, nun ton desenfadado e distendido. Trátase de mostrar a realidade como é".
Os personaxes da serie, que consta de oito capítulos, son novos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.
"Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade", reitera Martínez Donoso.
Así, neste segundo capítulo no que a protagonista se vai de vacacións a Málaga en tren, aparecen cuestións relativas ao turismo accesible xa incorporadas, por exemplo no transporte ferroviario ou nos accesos ás praias para persoas con discapacidade.
Ademais, abórdanse os riscos das novas tecnoloxías mostrando como un dos protagonistas, Adolfo, está "enganchado" ás redes sociais. Laura tratará de "desconectalo" para que goce dun verán inesquecible en liña co título deste segundo capítulo, "Desconnecting Pipol".
Ao longo da tempada coñeceremos ao resto da cuadrilla e en cada capítulo veremos como cada personaxe conseguirá os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas que se atopan as persoas con discapacidade.
Regístrate como: