Explotar burbullas e axudar a unha investigación contra a malaria? Algo así é o que tenta MalariaSpot Bubbles, un xogo online que se lanza hoxe, con motivo do Día Mundial da Malaria. O xogo foi desenvolvido por investigadores das imaxes Biomédicas da Universidade Politécnica de Madrid.
Os xogadores analizan imaxes reais de parásitos co obxectivo de diferenciar entre as cinco especies que causan a malaria. E fano mentres xogan esmagando mosquitos e burbullas. É unha aplicación para aprender xogando ao mesmo tempo que se contribúe a unha investigación de novos métodos de diagnóstico desta enfermidade.
MalariaSpot Bubbles é unha ferramenta educativa e de investigación sobre a aprendizaxe con videoxogos. Hoxe centros escolares están a participar nunha olimpíada de videoxogos contra a malaria para colaborar con esta investigación. Miles de escolares competirán por equipos para ser os mellores cazadores virtuais de parásitos de malaria nun videoxogo que utiliza imaxes reais de sangue dixitalizadas.
"Os nativos dixitais xogan millóns de horas ao día a videoxogos. MalariaSpot Bubbles é un experimento moi sinxelo para entender o valor destes videoxogos como ferramenta educativa e como nova solución a problemas de saúde global", asegura Daniel Cadrado, programador do xogo e investigador da Universidade Politécnica de Madrid.
Identificar as especies de malaria de forma colaborativa
Con MalariaSpot Bubbles, os xogadores non só aprenden senón que tamén participan no desenvolvemento de métodos de diagnóstico colaborativo de malaria a través de internet. "A malaria diagnostícase mediante a identificación de parásitos nunha pinga de sangue observada a través do microscopio. Parte do protocolo consiste en identificar cal das cinco especies de parásitos está no sangue, xa que diso pode depender o tratamento", explica María Linares, experta do equipo MalariaSpot e investigadora do Hospital 12 de Outubro.
Con este xogo MalariaSpot Bubbles investígase como identificar as especies de malaria de forma colaborativa e a través de internet. O xogo complementa ao seu ''irmán maior', MalariaSpot, co que se realiza outra parte do protocolo diagnóstico e que recentemente foi recoñecido como innovación social do ano polo MIT Technology Review e destacado na revista médica The Lancet.
MalariaSpot Bubbles foi desenvolvido polo equipo dirixido polo doutor Miguel Luengo-Oroz, investigador do Grupo de Tecnoloxía de Imaxes Biomédicas da ETSI de Telecomunicación da UPM Madrid e a fundación Ashoka.
Regístrate como: