Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Miguel López, Nicolás Bregua e David Candal (de esq. a der.) son tres dos compon

Un cambadés crea un sistema domótico para axudar a persoas con autismo a vivir soas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/04/16 (09:43)

O cambadés Nicolás Bregua Carro está a dar a últimas puntadas ao seu grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación cun proxecto de final de carreira que redundará en dotar de máis autonomía ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), axudándolles nos seus labores cotiáns no fogar. Trátase dun sistema domótico con sensores que detectan cando o usuario entra nunha estancia e, en función da hora do día e doutros parámetros, indícalle nunhas pantallas e mediante pictogramas (debuxos explicativos) a acción que corresponde, desde lavarse os dentes até abrigarse se vai saír á rúa e fai frío.

O mozo enxeñeiro coordina o proxecto xunto a outros cinco compañeiros de diferentes ramas de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. Son Miguel López López, David Candal Ventureira, Pedro Hermida Costas, Iago Cabreira Comesaña e Mar Pousada González e desde xaneiro traballan na iniciativa que este fin de semana presentarán en Madrid, tras gañar hai uns días un premio HackForGood; un certame organizado por diferentes patrocinadores como Telefónica. Pero a cita na capital é "moi importante porque, de gañar, suporía a posibilidade de comercializalo e distribuílo", explicou o cambadés.

Polo momento posúen un prototipo, pero "a idea está moi madura" e mesmo con previsión de futuras melloras. Nicolás Bregua relatou que o sistema funciona mediante "sensores de movemento e pantallas distribuídas polas diferentes estancias da vivenda. Así, se por exemplo unha persoa con TEA entra no baño e son as 14:30 horas, detéctaa e lémbralle mediante un pictograma que é hora de lavarse os dentes".

 

Usando un pc
O usuario pode configurar as accións e momentos do día a lembrar mediante o seu computador "cunha interfaz, coma se fose unha páxina web". Ademais o sistema está conectado a internet o que permite obter outro tipo de información útil, como o tempo meteorolóxico e "se chova, ou se hai previsión de precipitacións, lembrarlle que ten que coller paraugas e abrigarse", engade o coordinador.

As persoas con autismo teñen unha percepción diferente dos espazos e o tempo e este tipo de linguaxe actúa dándolle claves visuais que os sitúan e axúdanlles a sentirse mellor e a ser máis autónomos. "A gañar en autosuficiencia", subliñou o mozo. Ademais, co seu sistema eliminaríase "a sobreestimulación que pode levar unha folla de papel impreso onde se indiquen os pictogramas con todas as funcións de cada estancia, como se fai nos pisos tutelados", agregou o cambadés, que coñeceu algúns da asociación Bata de Vilagarcía que, xunto a Por Dereito, ofrecéronlles asesoramento; "un apoio moi importante para sacalo adiante", engadiu.

 

Orixe
Bregua Carro indicou que o proxecto xurdiu porque a proposta da institución académica para o proxecto final consistía en desenvolver un sistema domótico e "tras debatelo no grupo, e tamén por experiencias familiares e persoais dalgúns, decidimos orientalo a este sector". De feito, pertence á universidade e "é un traballo totalmente sen ánimo de lucro e se é posible que axude á xente, sería perfecto".

O cambadés indicou que traballan cun "orzamento reducido" e centrado no principal usuario, persoas con autismo, pero "podería dar servizo ao resto de residentes dunha casa, desenvolvendo un sistema de alarmas mesmo", explicou. E en canto ao custo do que é a infraestrutura (pantallas e sensores), o enxeñeiro explicou que en principio non resultaría caro, pero non puido dar unha idea aproximada "porque dependería do modelo e tamaño da vivenda".

Tema: General
Fuente: Diario de Arousa
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal