Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

XIII Xornadas Interxeracionais

Alén da idade, moito que compartir

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 12/04/16 (08:13)

Un éxito. Así resumen os organizadores e participantes o que foi o desenvolvemento das XIII Xornadas Interxeracionais celebradas este xoves en diferentes espazos da cidade de Ourense. Case 200 persoas, entre escolares, universitarios e persoas maiores, compartiron todo un día de actividade que comezou na Praza Maior “rompendo o xeo” e que rematou cunha gran festa no propio campus. Foi unha vez máis unha oportunidade única para que, rachando as barreiras que fóra do contexto familiar separan ás persoas de diferentes idades, todos e todas compartisen risas e coñecementos propios de cada etapa da vida.

A programación, organizada por alumnado de Educación e Traballo Social da Facultade de Ciencias da Educación do campus, comezou coma cada ano coa xuntanza de todos os participantes na Praza Maior da cidade para desprazarse logo ao Xardín do Posío para desenvolver un gran xogo que nesta ocasión tivo como temática a multiaventura. Divididos en grupos e cada grupo con mestura interxeracional, os participantes, coordinados polo alumnado organizador, pronto se implicaron nas actividades e responderon moi positivamente ás propostas que se lles ía facendo. Tras este comezo, a actividade trasladouse logo ao propio campus para o xantar e para desenvolver unha tarde e noite lúdica na que houbo xogos populares, como os zancos ou a roda, a cargo dos membros das Aulas da Terceira Idade; diversas actuacións musicais e unha merenda popular. Foi un día cheo de actividades e diversión que rematou entrada xa a noite.

Como en anteriores edicións, a cita contou coa participación das Aulas da Terceira Idade de Galicia Altega, que cada ano convida aos seus membros en Ourense a participar desta actividade que xa forma parte do seu calendario de citas anual. Os centros educativos convidados a participar nesta ocasión foron os de Franciscanas e Luis Vives, que trouxeron rapaces e rapazas de quinto e sexto curso de Educación Primaria. Completaron o listado de participantes os membros de Down Ourense, da Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense Ado e do Club Recreativo As Burgas.

Tema: General
Fuente: Diario da Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal