O plan de formación sobre as TIC organizado pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior nas pasadas semanas superou as expectativas nesta primeira edición con máis de 1700 participantes nos sete obradoiros desenvolvidos nos sete campus galegos. Co patrocinio da Fundación Vodafone e en colaboración coas sete asociacións de alumnos e ex alumnos dos Programas de Maiores das tres universidades de Galicia, o obxectivo era fomentar o coñecemento que as persoas maiores teñen sobre novas tecnoloxías coa finalidade de que estas incidan nunha mellora da súa calidade de vida. Como explica Alejandro Otero, responsable de Fegaus, este plan de formación que se encadra no proxecto piloto Ágora Tecnoloxía, “pretende sacar partido dos avances tecnolóxicos para que calquera maior, habite onde habite, poida ter as mesmas oportunidades, ou moi semellantes, de aqueles que residen nas grandes poboacións”.
Adaptarse aos tempos
Dende as asociacións de estudantes sénior apostaron por mellorar a formación dos maiores no uso de tecnoloxías de uso diario, como as redes sociais e o WhatsApp ou as plataformas de compra en liña. O obxectivo é integrar aos maiores nun eido dixital que, tras a aparición de novos dispositivos como as tabletas e teléfonos intelixentes, ten revolucionado a comunicación e as relacións persoais. Con esta finalidade deseñouse un plan de formación presencial e retransmitido en directo por Internet, que comprendeu sete cursos, cada un celebrado nun campus galego e con temáticas diferentes. As actividades arrancaron en Vigo 23 de febreiro cun curso centrado en WhatsApp e Skype e remataron en Santiago cun obradoiro sobre e-Administración, no que tamén coñeceron os sistemas de solicitude de citas médicas e outros trámites en liña. Nos outros cinco talleres os participantes puideron coñecer sistemas seguros de compras por Internet, as redes sociais, a fotografía e vídeo dixital, as claves da seguridade en Internet e mesmo ferramentas útiles para viaxes e xestión da cultura a través de dispositivos móbiles.
En total, participaron 1744 persoas, sendo o obradoiro con mellor acollida o celebrado en Lugo sobre seguridade en internet, precaucións e consellos. Pese ao tirón e as facilidades da participación virtual nos cursos, 700 persoas apostaron pola asistencia en persoa e algo máis de 1000, fixérono de xeito remoto. Para a participación virtual foi crucial a implicación dos centros CeMIT, a través de Amtega, que facilitaron a conexión dende 17 localidades de Galicia, ademais dos sete campus do SUG.
Portal específico
Dende Fegaus apostaron forte polas novas tecnoloxías e puxeron en marcha un portal específico do proxecto Ágora Tecnoloxía, no que conflúen todos os contidos, ferramentas, documentación e manuais que os estudantes sénior poidan precisar. Trátase dunha plataforma en liña de difusión e formación na que se combinan modalidades tradicionais presenciais con modalidades dixitais que ten como obxectivo crear un novo modelo de acceso ao coñecemento baseado na innovación e a aplicación de novas tecnoloxías co fin de potenciar a creación dun ecosistema da aprendizaxe que se erixa no referente nacional. Neste portal, os estudantes dos programas de maiores poden participar nos cursos de xeito virtual pero tamén poder acceder a todos os contidos almacenados destes obradoiros e dos vídeo-cursos creados pola Fundación Vodafone. A través desta canle ábrese unha porta de acceso a un mundo de coñecementos para proveito tanto do estudantado dos programas de maiores das universidades galegas como de calquera cidadán.
Regístrate como: