A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca preto de 500 prazas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria,que se publica hoxe no DOG, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.
A inscrición poderá realizarse desde mañá a través de web da Rede CeMIT sendo o único requisito o de ser usuario/a da rede CeMIT. No caso de que existan máis solicitantes que prazas convocadas, realizarase un sorteo alfabético entre as persoas inscritas para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula.
As probas celebraranse os días 27, 28 e 29 de abril en diversas quendas de mañá e tarde que nesta ocasión vanse a celebrar nas aulas CeMIT dos seguintes 31 concellos: Ames, O Barco, Barreiros, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Celanova, A Coruña- Eiris, Cuntis, A Estrada, Fisterra, Fonsagrada, A Guarda, Lalín, Marín, Monforte de Lemos, Narón, Oroso, Ortigueira, Ourense, Pontedeume, As Pontes, Pontevedra, Ribeira, Santa Comba, Santiago Compostela, Sarria, Tomiño, Valga, Vigo e Xunqueira Ambía.
Avaliación
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.gal/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo.
Máis de 1.000 prazas no ano 2015
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2016, que terá a súa continuación no segundo semestre (a partir do mes de setembro) coa convocatoria dun novo curso de teleformación titorizada e unha nova convocatoria de probas presenciais
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron mais de 1.000 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.600 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.
A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas CeMIT de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 1.700 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema).
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Regístrate como: