Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Momento do curso

Da empresa “analóxica” á dixital

  • A Casa das Campás acolle un curso sobre a dixitalización da actividade tanto de negocios como de ONG
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/03/16 (08:54)

Amosar como as TIC permiten “trasladar unha actividade económica ou non lucrativa, que estamos acostumados a pensar en analóxico ao mundo dixital” é, como sinala a xornalista Jose Piñeiro, o obxectivo central de Dixitalización de negocios para Pemes e ONG, un curso que se vén desenvolvendo desde finais de febreiro na Casa das Campás e no que trata de achegar ás doce persoas que acoden ás diferentes sesións unha serie de claves para trasladar a internet todo tipo de actividades. Desde a creación dunha tenda virtual e a xestión de provedores ou facturas a través da rede, ao desenvolvemento de “novos espazos de comunicación máis áxiles e accesibles”, o obxectivo desta actividade é “dar a coñecer as vantaxes da contorna dixital” para o desenvolvemento tanto dun negocio como dunha actividade non lucrativa.

“Todo tipo de actividade implica procesos de comunicación que teñen a finalidade de involucrar a outras persoas, ben a través do consumo, ben a través da participación”, sostén Piñeiro, doutora en Investigación en Comunicación pola Universidade de Vigo, que busca neste curso inserido na programación formativa aberta a toda a cidadanía da Vicerreitoría do campus, dar a coñecer ao alumnado “as vantaxes” que implica esa idea da dixitalización, “un concepto bastante amplo e complexo de abarcar, pero que está xa detrás de todas as nosas actividades”. Por iso, un dos eixos deste taller de 30 horas de duración é achegar ao alumnado a unha serie de ferramentas e recursos gratuítos que, no caso das empresas, permitiranlle “estar preparadas para a contorna que xa está a envolvelas, entendela e ser capaz de operar nela”. Nese senso, Piñeiro pon de relevo a importancia outorgada ás TIC no que “na Unión Europea se denomina a Cuarta Revolución Industrial”, o traslado á rede de actividades tanto vinculadas coa venda, como coa propia produción ou administración tanto dun negocio como doutro tipo de actividades, como aquelas que “non están vinculadas co beneficio económico, senón co beneficio social”, motivo polo que o curso aborda tamén o labor das ONG.

Da teoría á practica
Ademais de afondar nos múltiples recursos dispoñibles para a dixitalización dunha actividade e de incidir no feito de que “se está prefigurando un marco dixital para a industria e os negocios”, o curso que se desenvolverá ata o vindeiro venres 18 de marzo busca tamén levar á práctica eses coñecementos a través do desenvolvemento “dun proxecto desde cero”, como apunta a súa responsable. “A idea é que cada alumno faga o seu, porque deste modo exploramos máis posibilidades e aprendemos a partir de distintos modelos”, sinala Piñeiro dunha iniciativa que, non obstante, se formula como unha “pequena incursión”, dada a duración do curso.

“Estaría encantada de que saíran do curso cunha idea de éxito no pendrive e espero que todos se vaian con algo que poidan desenvolver despois, pero máis ca darlles un peixe o que se pretende é ensinarlles a pescar”, engade a responsable dun curso que abrangue desde a creación dun sito web, á implantación dunha ferramenta analítica e de monitorización, a articulación de perfís en redes sociais ou o deseño dunha tenda online. Un curso que conta cuns alumnos “certamente avantaxados” de diferentes idades e perfís, que están a amosar “un alto grao de interese”, salienta, co propósito de que esta formación contribúa as súas futuras iniciativas de emprendemento no eido dixital. “Na última sesión dicíanme que estaban a ter ideas a partir do que íamos falando, polo que seguro que acabamos tendo un elevado retorno”, engade a responsable desta actividade.

Tema: General
Fuente: DUVI Diario da Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal