Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Ancián usando unha tablet

Envellecemento activo e novas tecnoloxías: unha combinación que funciona

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 15/02/16 (09:14)

No noso blog falámosche moitas veces da importancia dun envellecemento activo, propóndoche actividades, informándote sobre eventos que tratan de fomentalo e mesmo compartindo un completo Manual de preparación á Xubilación Positiva. Hoxe queremos centrarnos nunhas ferramentas que poden resultar moi útiles para manternos activos que a idade supoña un impedimento. Falamos das novas tecnoloxías.

Pero antes de sinalar as súas vantaxes, que son moitas, convén ter presente que tamén existen certos obstáculos. É sabido que a alfabetización dixital dos nosos maiores non se atopa nos niveis máis adecuados para que poidan aproveitar masivamente os beneficios das novas tecnoloxías. Por tanto, é fundamental que se incremente a oferta de programas, iniciativas e cursos que contribúan a reducir a fenda dixital que en numerosos casos mantén aos maiores á marxe das novidades tecnolóxicas. As institucións públicas e privadas deben asumir esa responsabilidade.

Se conseguimos salvar esa distancia pode abrirse ante nós un auténtico universo de posibilidades. Aspectos como a motivación son decisivos á hora de conseguir un envellecemento activo; e poucas cousas hai tan motivadoras como a aprendizaxe de novas habilidades. Neste sentido, co apoio de computadores, tabletas e smartphones conectados a Internet facilítase o acceso a contornas virtuais que funcionan como auténticas aulas adaptadas. Tamén son multitude as aplicacións de adestramento mental que nos axudan a manter a nosa mente en forma.

Hai outros ámbitos en que as novas tecnoloxías poden mellorar a calidade de vida dos maiores. Nos últimos anos houbo avances moi significativos no referente a autonomía. Existen aplicacións que facilitan a mobilidade independente, pero tamén se introducen melloras en medios de transporte públicos para o mesmo fin; ou até nas cadeiras de rodas, que actualmente poden equiparse con detectores de obstáculos ou con dispositivos que analizan o terreo polo que se transita. Tendo máis e mellores opcións para moverse pola súa conta, non cabe dúbida de que os maiores serán máis proclives ao envellecemento activo.

Tema: General
Fuente: Fundación Montemadrid
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal