Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Persoa con discapacidade ante un portátil

A Fundación Vodafone España e a Fundación CNSE facilitan o uso dos smartphone ás persoas maiores xordas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/01/16 (10:19)

Co obxectivo de promover as vantaxes que ofrecen os dispositivos móbiles avanzados (novos teléfonos intelixentes e tabletas) para  as persoas maiores xordas, a Fundación Vodafone España e a Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación lanzaron uns tutoriais sobre o uso dos smartphone.

A través de vídeo-pílulas formativas de carácter gratuíto que incorporan lingua de signos, ensínaselles como utilizar os teléfonos intelixentes dunha maneira eficaz e sinxela, tanto para dispositivos con sistema Android como para os que incorporan o sistema operativo iOS.

Contribúese así a que as persoas maiores xordas poidan asimilar as súas funcionalidades e beneficiarse de servizos que favorezan a súa autonomía persoal e a súa calidade de vida.

Os tutoriais, 25 vídeos formativos (12 en sistema operativo Android, 12 en sistema iOS, e un máis de introdución común para os dous sistemas), están dispoñibles en www.fundacionvodafoneconlosmayores.com. Os seus contidos abarcan desde o aceso do dispositivo até o envío de mensaxes e descarga de aplicacións, ademais de mostrar as posibilidades dos dispositivos móbiles, como utilizalos, para que poden servir, e que aplicacións se poden usar segundo os seus gustos e preferencias, especialmente para o contacto con familiares e amigos.

Segundo Mar Fernández, directora de Proxectos Sociais da Fundación Vodafone España, 'esta iniciativa enmárcase no compromiso da devandita Fundación por dar a coñecer as TIC e as súas utilidades entre as persoas maiores. É unha ferramenta que se concibe como un servizo para as persoas maiores. Pretendemos que calquera entidade de maiores, ou calquera persoa maior poida utilizar os contidos para a súa formación no uso dos Smartphone'.

Para Marisol González, directora xeral da Fundación CNSE, o proxecto 'supón un paso máis en materia de recursos e servizos adaptados ás persoas maiores xordas, un aspecto clave para promover a participación, a vida independente e o envellecemento activo deste colectivo'.

Así mesmo, con este proxecto ambas as entidades pretenden fomentar o uso das novas tecnoloxías entre as persoas maiores xordas, un elemento facilitador da súa calidade de vida segundo revela o estudo 'Cara á autonomía e participación das persoas maiores xordas en España', elaborado recentemente pola CNSE, Confederación Estatal de Persoas Xordas, en colaboración coa Fundación Vodafone España.

Tema: General
Fuente: entremayores.es
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal